A Policía Local de Vigo investiga se dous menores induciron a outro "vulnerable" ao roubo de ciclomotores

Os investigados xa teñen outros expedientes abertos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/12/2018 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

A Policía Local de Vigo instrúe dilixencias xudiciais sobre o caso dun menor que cometeu dous intentos de roubo de ciclomotores na cidade e que puido facelo baixo a coacción doutros dous menores que xa teñen outros expedientes abertos.

Policía Local de Vigo
Policía Local de Vigo | Fonte: xornaldevigo.gal

Unha patrulla acudiu o pasado xoves ás 16,00 horas á rúa Toxal onde se atopaba un ciclomotor presumiblemente roubado da marca Honda modelo DJ50, que presentaba a tapa dianteira rota e con síntomas claros é estar manipulado para tratar de realizar unha ponte e así forzar o aceso.

O propietario comunicoulles que descoñecía que o seu vehículo estivese estacionado nese punto, xa que o deixou a noite anterior na rúa Jenaro de la Fuente, sen bloqueo e sen cadeado, así como que os danos que presentaba no seu frontal eran novos.

Un veciño da zona informou os policías de que vira como un adolescente estaba a tentar acender a moto e que se marchou ao non conseguilo, pero facilitoulles as súas características físicas.

Este menor, de 14 anos de idade, tentou ás 17,30 horas subtraer outro ciclomotor na rúa Aragón, onde o dono do vehículo retívoo até a chegada da Policía Local, que comprobou que se trataba da mesma persoa.

O mozo recoñeceu aos axentes que tentara levar os dous ciclomotores pero explicoulles que dous coñecidos seus lle obrigaran a realizar os roubos, e que o ameazaban se non facía o que eles querían.

A Policía requiriu a presenza no lugar dos pais do menor, que manifestaron que o seu fillo ten un problema visual, así como un problema no corazón que lle limita fisicamente, sendo por iso "máis vulnerable" polo que os demais mozos "e aproveitan das súas limitacións".

As investigacións policiais sobre se dous mozos lle puideron inducir a cometer actos delituosos concluíron que o autor dos feitos "pode dicir a verdade" ao tratarse de dous menores, de 14 e 16 anos de idade respectivamente, moi conflitivos e coñecidos na zona onde viven.

Estes dous menores teñen expedientes abertos por furtos e un deles atópase expulsado do centro escolar ao que acudía debido ao seu carácter violento, pois ten atemorizados a moitos mozos da súa contorna.

Con todos estes datos, a Policía Local de Vigo realizou as correspondentes dilixencias xudiciais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta