Temas: CRTVG FOLGA

O seguemento da folga na CRTVG mobiliza case ao cen por cen do plantel

Os sindicatos do ente autonómico manifestáronse diante do Parlamento de Galicia e máis tarde leron un comunicado denunciando o progresivo “desmantelamento” dos medios públicos galegos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2018 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Fontes sindicais consultadas por Galicia Confidencial apuntaban un seguemento do 90% de traballadores e traballadoras da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, nunha xornada de folga que motivou  cambios na programación dos medios públicos galegos para o día de hoxe. “En seccións como deportes o seguemento foi do 100% por exemplo”, din as mesmas fontes.

Manifestación traballadores e traballadoras de CRTVG
Manifestación traballadores e traballadoras de CRTVG | Fonte: Comité de Folga

“O dez por cento restante que non acudiu son mandos intermedios e persoas contratadas en precario, sobre todo prácticas, bolseiros e FEUGAS” din desde fontes sindicais. “As trescentas persoas que se achegaron hoxe eran a maioría da CRTVG, había moi pouca presenza de externos”.

A xornada de folga de vinte e catro horas deste 19 de decembro, comezou cunha concentración diante do Parlameno de Galicia onde representantes políticos de En Marea, BNG e PSdeG, se achegaron para falar cos traballadores concentrados. Desde a Rúa do Hórreo, onde está o Parlamento, pasouse a unha manifestación que rematou na compostelana Praza Roxa onde representantes do Comité Intercentros da Corporación, leron un comunicado para dar a coñecer a situación dos medios públicos en Galicia.

Sobre a atención aos puntos reivindicados polo comité de folga, as fontes sindicais apuntan que a dirección da CRTVG moveuse “pero moi pouco”. Os puntos que se consideran esenciais como “a recuperación da produción propia é insuficiente o que ofertan, o desmantelamento mediante a destrución de cadro de persoal, non ofrecen o necesario, que é o redimensionamento do cadro de persoal baseado no plano de estabilización que se aprobou no segundo acordo marco”.

As fontes consultadas indican que desde os mandos da Corporación non queren comprometer o plano de estabilización. “Sobre a manipulación, non queren comprometerse a esixirlle ao Consello de Administración que é o órgano competente, no que ademais está o director xeral, para dicirnos unha data para poñer en marcha o Consello de Informativos”.

Sobre a recuperación das desconexións territoriais “non queren oír falar do tema”, mentres que os expedientes abertos a traballadores dentro dos medios públicos “aí continúa aberto o de Carlos Jiménez, baixo o epígrafe “competencia desleal”, cando é por sumarse aos Venres Negros”. Non obstante, cando a semana pasada xa se tiñan avanzados varios puntos, os representantes da Corporación “botáronse para atrás cando se chegara a un acordo sobre programación, pero a xente cada vez está máis concienciada por iso estamos esperando a ver que pasa desde o luns que vén”.

Nestes momentos, segundo fontes do Comité de Folga, “na última asemblea as persoas están máis esixentes que o mesmo comité, aínda que se están chegando a puntos intermedios, pero hai un desexo de xustiza tan grande que non lles chega con eses puntos intermedios”. Os paros na CRTVG continuarán este sábado día 22 de decembro. Primeiramente serán seis horas pola mañá para continuar a partir das dúas da tarde. 

Temas: CRTVG FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Marquiños

O cen por cen en folga e non se nota na programación. Non será que a plantilla está mal dimensionada?

1 Estela

Non podo posicionarme porque non coñezo para nada o tema, pero hai pouco escoitei que había casi mil persoas contratadas. Si é verdade .... concordo contigo .... moita xente.