Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/05/2025 | Actualizada ás 14:53
O sector do metal de Galicia pechou 2024 cun 10 % máis de facturación, ata os 18.545 millóns de euros, e cun incremento do 3 % no número de empregos, ata chegar a 60.231 traballadores, segundo os datos do balance anual dado a coñecer este xoves pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime). Nunha rolda de prensa, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, explicou que o metal supón o 43 % do emprego industrial de Galicia, e o 19 % do PIB. En 2024, as cifras de exportación alcanzaron os 12.371 millóns (case tres cuartas partes débense á automoción), un 4,9 % máis.
Deste xeito, Galicia convértese na cuarta comunidade de España en exportación deste sector e os principais destinos dos produtos son Francia (2.604,6 millóns de euros), Turquía (1.256,8 millóns), Gran Bretaña (1.192,6 millóns), e Portugal (1.139,5 millóns). Por sectores, a automoción pechou o ano pasado sen grandes cambios en canto a emprego e facturación: 19.850 traballadores e 12.478 millóns de euros. Así, producíronse 512.503 vehículos, o que supuxo unha caída do 1,6 % con respecto ao ano anterior.
En naval, marítima e eólica mariña o número de empregos creceu ata 8.564 (+ 4 %), e a facturación subiu un 10 %, ata os 1.134 millóns de euros. O naval vive un moi bo momento, segundo explicou Mallón, cunha carteira de pedidos de 22 unidades, o 40 % dos contratados en España, e logrou aumentar un 77,5 % as súas exportacións. No ámbito das construcións metálicas, estruturas e cerramentos, o ano pasado houbo un crecemento do 2 % no emprego (17.000 traballadores) e un aumento do 12 % na facturación (1.850 millóns), e iso a pesar de que a licitación pública caeu en Galicia un 23 %.
O sector aeroespacial mantén a súa senda de crecemento sostido, aumentado o seu nivel de emprego e de facturación, ata 1.773 traballadores (+ 7 %) e 165 millóns de euros (+ 25 %), respectivamente. Ademais, dobrou as súas exportacións con respecto ao ano 2023. Neste sector, sinalou Mallón, máis de 35 empresas traballan directamente para grandes fabricantes e provedores, pero Asime estima que se pode "involucrar" a 150 empresas ante o crecemento do mercado aéreo. Ademais, as expectativas son "moi boas" en áreas como seguridade e defensa.
MAN DE OBRA E RELOCALIZACIÓN INDUSTRIAL
Enrique Mallón concluíu que o ano pasado foi "un bo ano", a pesar da inestabilidade e a incerteza arancelaria. Con todo, subliñou que o metal galego segue adoecendo de falta de man de obra cualificada, e sinalou que a actividade e facturación do sector podería medrar un 20 % adicional se se puidesen cubrir todos os postos que se demandan. Segundo as estimacións de Asime, para cubrir esa demanda, agora mesmo farían falta uns 1.500 traballadores, e a cifra podería subir a 5.000 operarios para que o metal puidese chegar a outros mercados e ampliar produción.
Respecto diso, indicou que as empresas están "expectantes" ante o resultado da nova regulación de migrantes, e a posibilidade de que se flexibilice a incorporación de traballadores de fóra da UE ao mercado laboral, especialmente para postos de "difícil cobertura". En todo caso, matizou que a falta de profesionais non está vinculada á retribución salarial, e reivindicou que o metal é un dos sectores "que mellor paga".
Por outra banda, outro dos retos que enfronta esta industria é a relocalización xa que, segundo recoñeceu Mallón "non hai grandes proxectos e investimentos" previstos en Galicia. Así, atraer investimentos é "unha tarefa pendente" e para iso debe axilizarse a burocracia, crea chan industrial e atraer traballadores, algo no que Galicia, por agora, "non está a ser líder". Nese sentido, referiuse a unha actividade concreta, a eólica terrestre, que está "paralizada no ámbito xudicial", e indicou que, en Galicia, está a darse unha situación que "non sucede noutras comunidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.