O conselleiro de Sanidade confía en aprobar en xaneiro o contrato para novos médicos

"As medidas de protesta están ben cando a Administración fai oídos xordos, pero agora isto non é así", replica sobre a manifestación do 27 en Vigo.

Por Europa Press / Redacción | | 23/12/2018 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou que a intención da Xunta de Galicia é aprobar o novo contrato para captar médicos de atención primaria e de pediatras e que sitúa como unha das medidas para facer fronte ás carencias denunciadas nos últimos meses por usuarios e facultativos. Almuiña, en entrevista na Radio Galega, tamén defendeu outras medidas adoptadas pola Administración, como a xubilación aos 70 anos ou a solicitude de incrementar as prazas MIR para formar a pediatras.

Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. RADIO GALEGA
Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. RADIO GALEGA | Fonte: Europa Press

Ademais, mostrouse contrario a propostas "restritivas" en Atención Primaria e, tras manifestar que manifestacións como a prevista en Vigo para o próximo 27 de decembro "non van resolver" os problemas existentes, móstrase partidario de que sexa o persoal de enfermaría o que valore, como paso intermedio, que pacientes, sen cita previa, deben ser atendidos polo médico de cabeceira e cal poderían ser derivados ao día seguinte.

En todo caso, Almuiña situou como primeira medida o novo modelo de contratación a médicos de atención primaria e pediatras que permitiría "un contrato estable, dun ano como mínimo, ampliable até tres anos", co obxectivo de poder captar non só aos que realicen a súa residencia en Galicia senón tamén aos doutras comunidades autónomas.

O obxectivo é "levalo nos primeiros días de xaneiro para negociar cos sindicatos, xa falamos con eles nalgunha reunión, e agora a idea é poder aprobalo no mes de xaneiro", remarcou.

O conselleiro defende que, salvo no tema vinculado á antigüidade, co novo contrato, as condicións si serán similares ás dos médicos fixos do Sergas, con novidades como a posibilidade de que poidan gozar de vacacións.

Para concretar este modelo de contrato, explicou que o Sergas estivo en contacto co sistema sanitario do País Vasco, para coñecer o que se implantou nesta comunidade.

Como segundo alicerce das medidas previstas para paliar o déficit de facultativos, Almuiña cita a posibilidade de que poidan estar en activo até os 70 anos —aprobada en 2015— e a solicitude ao Ministerio de que se incremente a oferta MIR para formar a pediatras, xa que, na actualidade, a cifra é de 20 ao ano.

Ante as críticas sindicais á Oferta pública de emprego (OPE) de 2018, por "cortoplacista", o conselleiro defende as cifras e a taxa de reposición prevista, por situarse por "enriba doutras comunidades" e "do cento por cento", aínda que recoñece que chega tras unha época de crise económica na que non se alcanzaba o 100%.

GRUPOS DE TRABALLO PARA NOVO MODELO DE ATENCIÓN PRIMARIA

Almuiña tamén pon en valor a creación de seis grupos de traballo para elaborar un novo modelo de atención primaria, que prevé que poida emitir as súas conclusións en febreiro.

Uns grupos de traballo que confía en que poidan emitir as súas propostas para crear un "novo equipo de atención primaria coordinado" e avaliar tamén a necesidade de crear "fluxos rápidos para que a responsabilidade e a atención pase a outro nivel", remarcando que "non pode haber lista de espera en atención primaria".

ÁREA SANITARIA DE VIGO

Tras a dimisión en bloque de máis do 80% dos Xefes de servizo e de unidades de atención Primaria da área Sanitaria de Vigo, o conselleiro defende a xestión do xerente, Félix Ruibal, e ve "excesivo" responsabilizar ao equipo directivo de "males de atención primaria" que asegura que se "reproducen en todas as comunidades autónomas".

O conselleiro centra a problemática de Vigo no "proceso complexo de organización" derivado da apertura do novo hospital, que provocou que a relación entre primaria e hospitalaria sexa "menos fluída" e apela ao diálogo, con críticas á manifestación convocada para o día 27.

"As medidas de protesta están ben cando a Administración fai oídos xordos, pero isto agora non é así", "coñecemos os problemas porque temos os equipos directivos traballando", resolveu Almuiña, que aproveitou para pedir a "todos, xefes de servizo, facultativos, enfermaría, traballadores social, administración (...), a todos, dar ideas, tratar de trasladar o novo modelo para que o cidadán siga pensando que a atención primaria é o mellor servizo que hai".

O titular de Sanidade tira do dato do barómetro sanitario de 2015, que indicaba que o 88% dos consultados valoraban que a atención primaria era boa ou moi boa, e móstrase contrario a medidas que define como "restritivas".

Neste sentido, propón unha "clasificación de pacientes que chegan en sobredemanda", para ser atendidos sen cita previa. A súa proposta pasa porque sexa o persoal de enfermaría o que valore se precisan ser atendidos o mesmo día ou reciben unha cita para un día posterior.

A iniciativa xa se estaría aplicando como experiencia piloto en Vigo, como unha "modulación da demanda", pola que aposta fronte á "modulación de números", porque así se decidiría en base á "prioridade médica".

"Hai unha decisión firme por parte da Consellería de tratar de adaptar o modelo, de tratar de ser un servizo de máxima valoración e que tamén os profesionais sentan ben valorados", agregou.

FOLGA NOS PACS E NAS URXENCIAS DO CHUS

Preguntado pola folga que desde hai semanas hai en varios Puntos de Atención Continuada (PAC), o conselleiro instou de novo ao "diálogo" e expresou a súa disposición de alcanzar algún pacto para chegar a "acordos".

"Levamos tempo traballando con eles, hai algún tema que se está discutindo, pero para iso pedimos diálogo", sinalou, coa confianza en alcanzar acordos nas "próximas semanas".

Con respecto á folga dos traballadores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Almuiña pon o acento en que houbo cambio de "xefatura" e que se está negociando, por reclamacións que considera que son "organizativas" e ante as que espera que o novo director asistencial "vaia a dar unha sensibilidade adicional para tratar de chegar a acordos".

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

"A lei é a lei e a norma é a norma". Así replica preguntado sobre a comisión alternativa de investigación de sanidade creada polos grupos da oposición, que abandonaron a Comisión parlamentaria en protesta polo "veto" aos comparecentes propostos.

Para Vázquez Almuiña "non é unha comisión, iso non existe, é coma se se fai un pleno no Parlamento no que estivese Villares como presidente", e censura que "no canto de rebater na comisión, rebátase en Twitter, non ten sentido".

ACORDO POSITIVO DE POVISA

Por último, ante o acordo alcanzado entre o Sergas e Povisa, o titular de Sanidade defende que se trata dunha medida "boa para atención sanitaria na área de Vigo e tamén para os 1.400 traballadores".

Despois de incidir en que Povisa leva asinados convenios coa Administración desde hai máis de corenta anos, defende que o acordo é positivo e beneficia tamén ás 136.000 que optan por este centro hospitalario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Argonauta

Un cantamañanas de moito carabiño....Aos Médicos de PAC esta Xunta de "merde" léva-lles roubando o 20 % dos Complementos de Penosidade (Noites e Festivos) desde o ano 2010.......Retribución Retroactiva Xa!!.