Sokram (Dios Ke Te Crew): "Hai unha autocensura que nos impoñemos polo medo á represión"

Este grupo de hip hop sacou á luz o seu último traballo, Silencio, un tema que reflexiona sobre a liberdade de expresión e o comportamento dunha sociedade que “Orwell non se imaxinou”. É a presentación do LP que publicarán en primavera e para o cal traballan dende Ordes, unha forma de rachar cos prexuízos que atan este tipo de música ás cidades e de crear cultura alí onde non hai tanta oferta.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 04/01/2019 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Dios Ke Te Crew rompe o seu Silenciø dos últimos anos ao nomealo. Ese é, precisamente, o título do traballo que veñen de presentar neste mes de decembro, logo dunha tempada de creación musical un pouco máis por libre. Retornan ao panorama musical galego –do que en realidade nunca marcharan de todo– para seguir tinguíndoo de espírito combativo, pero fano coa baixa dun dos seus membros: García MC non formará parte desta nova andadura, tal como anunciou el nas súas redes sociais.

Imaxe do videoclip de Silencio, a nova canción de Dios Ke Te Crew
Imaxe do videoclip de Silencio, a nova canción de Dios Ke Te Crew | Fonte: DKTC

En primavera sairá o disco completo e logo iniciarán unha xira. Antes, lanzarán algún adianto, tamén en forma de videoclips. E é que a parte audiovisual terá moito peso dentro do conxunto e nas actuacións en directo. O artista pontés A.L. Crego foi quen se encargou de realizar o vídeo de Silencio, nun proxecto que beberá de distintas disciplinas artísticas, ademais de disparidade de sons e temáticas. Estas e outras cousas cóntanolas Sokram, un dos integrantes desta banda de hip hop.

- En que proxectos estivestes inmersos nos últimos tempos?

En 2013, cando celebramos os dez anos de Dios Ke Te Crew, sacamos o último ‘maxi’ e fixemos unha xira polo resto do Estado. Despois fixemos algún traballo en solitario. En 2015, eu saquei un LP coa produción de Mou e el tamén sacara unha 'mixtape'. Anteriormente, García tamén sacara un traballo. Temos feito algunhas colaboracións e outros proxectos persoais de cada un, fóra do ámbito da música. Neste tempo sempre mantivemos relación. De feito, xa digo, Mou foi o produtor do meu LP en solitario.

Integrantes do grupo Dios Ke Te Crew
Integrantes do grupo Dios Ke Te Crew | Fonte: santiagoturismo.com

- E que foi o que vos motivou a volver xusto agora?

Principalmente as nosas ganas de facer música e de volver traballar xuntos: facer un disco en conxunto. Foi, basicamente, o noso amor pola música e a necesidade de expresarnos, de dicir o que pensamos e de darlle saída a todas esas letras que foron xurdindo neste tempo.

"Vivimos no 1984 de hoxe en día. Orwell non se imaxinou tal sofisticación da intrusión na vida privada das persoas"

LETRAS "CON CONTIDO"

- Os vosos textos adoitan ser reivindicativos. Neste caso, Silencio fala da liberdade de expresión, da censura, da represión. Que idea pretendiades transmitir?

A canción fala dos nosos tempos. Vivimos no 1984 de hoxe en día. Orwell non se imaxinou tal sofisticación da intrusión na vida privada das persoas, nos nosos hábitos de vida e de consumo; nin tampouco iso de autoespirse diante do resto do mundo e dos lobbies que comercializan os datos que nós regalamos a cambio dun placebo . Nós queriamos profundar un pouco niso. Ata que punto o silencio ou o non silencio é real?

Falamos da liberdade de expresión e da censura, pero tamén hai unha autocensura que nos impoñemos polo medo á represión, ao que poida pasar por expresarnos libremente. Iso é unha lacra que estamos sufrindo todos. En España, iso débese en boa medida á lei Mordaza, pero tamén ao control ao que nós sometemos, relacionado ao medo polo que dirán. Polo contrario, tamén pode vir condicionado polo que queremos que digan, pola querenza por ser viral. O leitmotiv da canción vén a ser iso, unha reflexión sobre o silencio: que é o que dis e o que non dis, e por que o dis ou deixas de dicilo

- "Chao, chao, vémonos no xulgao / toda a nosa crew contra o Estado comprao" , dicides nun momento da canción. É unha crítica directa ao poder. Pode entenderse tamén como unha maneira de apoiar a esoutros artistas que foron levados aos xulgados polas súas cancións, como Valtonyc?

Si, por suposto. Apoiamos totalmente eses artistas. No seu día xa nos manifestamos totalmente en contra deste tipo de causas e deste ataque á liberdade de expresión. Estamos indo cara a atrás, coma os cangrexos. Se imos ao 1985 e collemos letras de grupos da época, podemos ver como ao mellor se dicían cousas máis fortes polas cales non había causas penais abertas. É unha regresión.

- Neste contexto, o rap ou o hip-hop son unha forma de subversión ao sistema?

Hai de todo. Dentro do rap e do hip-hop hai grupos e letras de todo tipo. Hai rap que non ten ningún toque reivindicativo, transgresor ou anti-sistema, pero si que é certo que este xénero sempre tivo un gran compoñente de queixa sociopolítica. Por que? Porque a importancia do texto no rap é evidente, moito maior ca no resto de música. Aquí o que se di é moi importante. Nós, en particular, sempre gustamos especialmente do rap con contido, que manda mensaxes. É unha máxima que nos uniu.

- Ademais desta canción, Silencio, que outras cousas poderá atopar o público nese LP que contades sacar en primavera?

Vai haber que agardar para comprobalo, pero será un disco variado que toque distintos paus. Seguirá un pouco a liña de sempre de DKTC, con esa disparidade temática, de sons e incluso un pouco de estilos, aínda que se enmarquen dentro do xénero do hip hop. Algunhas cancións van ter unha pegada máis electrónica, con estilos como o drum & bass (como nesta canción); outras  terán toques de dubstep, reggae, dancehall... Outras tirarán máis polo rap máis ortodoxo, polo boom bap, o rap dos 90, etc. Igualmente, tamén vai haber distintas temáticas: unhas máis combativas e reivindicativas e outras máis alegres e festeiras. A nosa intención é crear un abano bastante amplo.

MÚSICA URBANA?

- DKTC naceu en Ordes e vós apostastes por traballar dende alí. Esta foi unha escolla consciente ou foi algo que xurdiu con naturalidade?

Si, é sobre todo algo que pasou con naturalidade. Nós somos de Ordes e, aínda que non todos vivimos alí agora mesmo, digamos que temos o cuartel xeral alí. En Ordes temos máis facilidade para poder ter un local, traballar con maior estabilidade, reunirnos... Pero, si, foi unha cousa natural.

 Nas vilas pequenas "ou vas para o bar, ou vas para o estudo ou pintar na rúa. Tes que crear ti".

- Iso choca un pouco con esa crenza de que é preciso estar na cidade para facer grandes proxectos. É unha forma de romper prexuízos e mostrar que nas vilas máis pequenas tamén se pode facer este tipo de música?

Si, totalmente. Rompe a etiqueta de ‘música urbana’. Cando no 2013 gañamos o premio Martín Códax ao Mellor proxecto de hip hop e Músicas Urbanas, reflexionamos sobre isto. Case lle poderiamos chamar músicas rurais ao que facemos nós, non? Ordes é unha vila con casco urbano, pero ao final... Desde que o hip hop estoupou e se expandiu polo mundo adiante, hai grupos de hip hop no mundo rural, tanto aquí como en Estados Unidos. Nós facémolo. De feito, temos o estudo nun ambiente un pouco bucólico. O hip hop invadiuno todo.

- En xeral, Ordes é un sitio onde agromaron proxectos culturais bastante coñecidos, como podería ser o Festival DesOrdes. Respírase creatividade nesta vila?

En realidade non é que se respire moita creatividade, senón que os que estamos aí temos que facer algo creativo porque, se non, ese contexto é todo o contrario: non hai moito que facer, non hai unha oferta cultural tan ampla como nunha cidade. Ou vas para o bar, ou vas para o estudo ou pintar na rúa. Tes que crear ti. De aí nos vén a creatividade a nós. De aí xorde o feito de escribir, facer letras, ir para o local de ensaio... É unha alternativa a máis do mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 La Coruña

Ide para a Venezuela chavista, poñervos a criticar ao goberno, e xa veredes que risa

1 Fullgencio

xa tardaba un comentario deste tipo oh!manda carallo con La Coruña!