Temas: FRASEOLOXíA

“A nai do año”, no canto de “la madre del cordero” (1ª entrega)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | | 06/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Retomamos, co comezo do novo ano, a senda pola que principiamos a presente sección, isto é, aquela que fai o seu percorrido por frases feitas de noso que en maior ou menor medida están a ser progresivamente substituídas polas correspondentes castelás, como acontece co caso que reflectimos no presente artigo.

Un año na procura dun cordeiro
Un año na procura dun cordeiro | Fonte: Galipedia

Así, naquelas ocasións en que desexamos expresar que algo é (ou que en algo se atopa ou está) a razón real, central ou fundamental dalgunha cousa, o máis habitual hoxe en día é que escoitemos que ese algo é (ou que nese algo se atopa ou está) “la madre del cordero”. Mais en galego temos –e non como calco do castelán, inda que á primeira vista si o poida parecer–, e inda viva en certa xente, como o demostra o feito de que se trata dunha recolleita oral de galegofalantes de seu, a locución a nai do año para dar conta dese mesmo contido.

Vexamos a seguir, máis polo miúdo, tanto esta coma locucións coma outras que poden ocupar eses mesmos contextos de uso:

Ser algo # Estar en algo la madre del cordero

{= Ser algo # Estar en algo a razón real, central ou fundamental dun feito ou suceso.}

Ser algo # Estar en algo a nai do año

Ser algo # Estar en algo a nai da aña

Ex.: La madre del cordero no está tanto en que intenten sacar ahora buenas notas como en que se den cuenta de lo necesario que es prepararse para el futuro.

A nai do año A nai da aña non está tanto en tentaren sacar agora boas notas coma en que se dean conta do necesario que é prepararse para o futuro.

● E mesmo tamén, en bastantes contextos:

Ser algo # Estar en algo el quid (de la cuestión # del asunto # del tema) && Ser algo # Estar en algo el meollo (de la cuestión # del asunto # del tema)

Ser algo # Estar en algo o quid (da cuestión # do asunto # do tema # [E TAMÉN, PROBABLEMENTE ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: do choio # do conto) && Ser algo # Estar en algo o miolo (da cuestión # do asunto # do tema # [E MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: do choio # do conto) && Ser algo # Estar en algo a cerna (da cuestión # do asunto # do tema # [E MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: do choio # do conto) && Ser algo # Estar en algo o lerio (da cuestión # do asunto # do tema # [E MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: do choio # do conto)

● E inda:

Ser algo # Estar en algo la cuestión # el asunto # el tema

Ser algo # Estar en algo a cuestión # o asunto # o tema && [E ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: Ser algo # Estar en algo o choio # o conto # o lerio

Ex.: A cuestión O asunto O tema O choio O conto O lerio non está tanto en tentaren sacar agora boas notas coma en que se dean conta do necesario que é prepararse para o futuro.

● E incluso:

Ser algo # Estar en algo o pai dos merlos && [E MESMO, EN CONTEXTOS]: Ser algo # Estar en algo o toque do negocio

NOTAS:

1. Moitas destas expresións son tamén empregadas para dar conta, tal e como veremos no vindeiro artigo, de que algo é (ou de que en algo se atopa ou reside) a parte máis dificultosa ou problemática dun tema ou asunto.

2. Velaquí un pequeno repaso léxico a léxico que se cadra resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Año -a (DRAG): substantivo Cría da ovella. Os años son moi mansos. Sinóns.: añagoto, cordeiro, roxelo.

Quid (DRAG): substantivo masculino Punto esencial ou porqué de algo. Velaí o quid da cuestión. Por fin dei co quid do problema.

Miolo (DRAG): substantivo masculino plural 1. popular Encéfalo. Disque aínda se vían os miolos esparexidos polo chan. Sinón.: molo. 2. substantivo masculino Parte interior do pan. Prefiro o miolo á codia. Sinóns.: miga, migalla, miola, mola, rafa. 3. Parte interior e mol de calquera cousa. Cortou unha póla de sabugo e quitoulle o miolo. Sinóns.: medula, miola, mola. 4. figurado Parte fundamental ou máis importante de algo. O miolo da cuestión non é ese. Sinóns.: cerna, núcleo. 5. popular Cerebro, intelixencia. Si home si, ti non te mates a pensar, non vai ser que se che gaste o miolo.

Cerna (DRAG): substantivo feminino 1. Parte interior e máis dura do tronco dunha árbore. Cortar ata a cerna. Sinóns.: corazón, durame. 2. figurado Parte fundamental ou máis importante dunha cousa. Chegar á cerna da cuestión. Sinóns.: miolo, núcleo.

Lerio (DRAG): substantivo masculino 1. Asunto confuso ou que ofrece algunha dificultade. Non daba entendido o lerio. 2. Calquera cousa que non se lembra ou non se quere nomear. No medio do lerio volvéronse atrás. [BASICAMENTE, E XUNTO CON OUTRAS FORMAS GALEGAS, VÉN A OCUPAR OS MESMOS ESPAZOS DE USO CÓ CASTELÁN ROLLO NAQUELES CASOS EN QUE ESTE PRESENTA ACEPCIÓNS DESTE TIPO.]

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario castelán-galego. Ano 2004. Directores: Constantino García, Manuel González González.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 O Lois

Engadiría, como non, "a chave das noces"! Ainda que aupoño que virá incluido na segunda parte.

1 anonimo

Ola. Inda que en bitácoras ou blogs e noutras publicacións teño visto o da "chave das noces" como sinónimo de "clave" ou "chave" necesarias para algo, o certo é que as pouquiñas veces que escoitei a expresión, esta empregábase para dar conta de que alguén tiña un absoluto dominio e poder de decisión sobre algo (abranguendo espazos de uso correspondentes a locucións do tipo de "cortar/tallar o bacallau" ou de "ter o burro pola corda & ter a tixola polo rabo", que trataremos no seu momento). No entanto, se a tes de teu, ou a tes escoitado, como sinónimo de "clave" ou "chave", agradeceríase a información. Un saúdo.

2 Xose Gonzalez

a expresión "a chave das noces" eu coñézoa no sentido seguinte: "non é a chave das noces" = non soluciona completamente o problema. Dalgún modo lémbrame a expresión inglesa "silver bullet".