As traballadoras de Zara en Lugo saen á rúa para denunciar a "excesiva carga de traballo"

Case a metade das traballadoras dos centros desta firma téxtil secundou o paro convocado por UGT.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Case a metade das traballadoras dos centros de Zara en Lugo, en Conde Pallares e no centro comercial das Termas (23 de 50), secundou un paro convocado polos representantes de UGT para protestar pola "excesiva carga de traballo" e "exceso de xornada".

Protesta de Zara en Lugo
Protesta de Zara en Lugo | Fonte: Europa Press

Ademais, sobre as doce do mediodía concentráronse ante a tenda do centro da cidade, invitaron ás súas compañeiras a que as acompañasen no paro e emprazaron aos clientes a que non comprasen precisamente este luns, cando se abre o período de rebaixas.

Durante a concentración, ao paraugas dunha pancarta que rezaba 'Zara. Melloras Sociais', coreáronse distintas consignas como 'Inditex, escoita, ás de Zara están en loita'. A delegada de UGT de Zara Lugo, Sandra Salgado, xustificou o paro porque teñen "uns horarios moito peores que noutras provincias". "Aquí as reducións de xornada non se cobren por parte da empresa, polo que obriga ao resto de compañeiras a facer cinco tardes semanais e sen sábado libre", denunciou.

Ademais, criticou o "incumprimento sistemático do plan de igualdade": "Temos unha compañeira que pide o traslado desde 2015 porque ten aos pais, a un cunha incapacidade total e a outro permanente e na nosa empresa dan os traslados á carta", expuxo. "As vacantes dos postos de responsabilidade non se publicitan e cóbrense pola xente que eles queren", agregou.

Para rematar, a delegada de UGT avanzou que seguirán "coas protestas, porque ao non haber unión", dado que a CIG non secunda este paro, "isto non vai acabar aquí". "Estivemos a falar de ir á central, a Arteixo, para mobilizarnos alí", adiantou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta