A Corrente Sindical de Esquerdas ante o Día da Pátria

O nacionalismo galego, así como a política actual, pecha un ciclo. As transformacións xeradas na sociedade e na economía, dende a globalización até o 15M, reflicten un cambio. Esas mudanzas obrígannos a poñer ao día as nosas teses e praxe.

Por X.F. Miranda Vigo | Vigo | 25/07/2011

Comparte esta noticia

Debemos afrontar unha realidade onde os estados hipotecan a súa soberanía ao FMI e procurar alternativas. Debemos afrontar a globalización atallando a súa face imperialista e procurar alternativas. Debemos afrontar a remodelación do sistema financeiro e procurar alternativas. Debemos afrontar o esfarelamento do proxecto de Unión Europea e procurar alternativas. Debemos afrontar a expropiación da nosa terra (dende os montes aos ríos), da cultura (dende a lingua ao cinema), dos medios de comunicación (dende Vieiros aos medios públicos), da soberanía (dende as caixas ou o sector naval ás competencias fiscais), dos dereitos sociais (dende a sanidade ao marco galego de relacións laborais), etc. E procurar alternativas.

Eis a nosa principal preocupación: termos alternativas visibles para a cidadanía, concretas para as persoas do común. Por esa razón levamos tempo chamando á reformulación do nacionalismo de esquerdas.

A obriga é debater e xerar teoría nun acto colectivo. Iso pretende a nosa concepción de reformulación: fornecernos dunha teoría, máis ou menos compacta e que recolla novos principios da esquerda mundial como a soberanía alimentar ou revogabilidade de cargos públicos.

Nós, a Corrente Sindical de Esquerdas, non estamos á marxe dos debates no seo do nacionalismo e do arredismo. Dende a nosa actividade, principalmente sindical pero tamén veciñal ou cultural, queremos pór en común:

1. A unidade resulta unha aspiración mais cando existen canto menos dous modelos ideolóxicos tan definidos e cun apoio reseñable, ten sentido seguir unidos na organización política? Son compatibles teses a prol e en contra do asemblearismo, do modelo de organización (partido/fronte), da estrutura da mesma, das relacións internacionais (CiU ou ERC/PNV ou Bildu) ou da concepción da política mundial (si ou non a Europa/si ou non a Cuba), etc? Degoiramos esa fórmula que permita ese encontro mais se este é feble só confundirá o discurso de cara ao pobo e as contradicións rozarán decote. Se cadra é hora de que o nacionalismo opte por dúas opcións políticas.
2. O arredismo non debe quedar á marxe deste debate. Vive fortes contradicións (apoio a cales presos e a cales non/liña sindical da CIG ou da CUT, etc.) que deberán resolverse nunha dirección de ordenación e confluencia que poña fin á fragmentación en tantos partidos e colectivos.
3. Dende o inicio a CSE defendeu a independencia da CIG. Non admitimos inxerencias nin de partidos nin das súas cúpulas, directa ou indirectamente. A CIG non responde a un proxecto partidista. Non é a imaxe de ningunha organización política. Defendemos a existencia da ideoloxía na central sindical (non queremos unha xestoría) e o seu proxecto de emancipación social e nacional. A eficacia e a firmeza nos principios sindicais conseguen a credibilidade. A CIG, coas súas eivas que criticamos ferreamente polas canles internas, representa a maior expresión do nacionalismo de esquerdas. Unha folga xeral coma a deste 2011 só prexudica a aqueles que van contra os intereses da maioría social; amola xustamente aos que defenden pensións miserentas, precariedade ou un despedimento de balde. Apostamos pola combatividade da central sindical.
4. Poñemos enriba da mesa a necesidade de recoñecer a diversidade ideolóxica do nacionalismo e o respecto a cada opción. Non sobraría que as organizacións nacionalistas e arredistas tivesen sempre abertas e vivas liñas de comunicación para manter conxuntamente posturas que, a priori, poden ser comúns.
5. Reiteramos o perigo da desideoloxización da militancia. Precisamos máis formación en todos os eidos, máis reparto de responsabilidades, máis protagonismo dos traballadores/as fronte á burocratización. O militante debe aspirar sempre a ser un dirixente e non un fregués.

Neste Día da Patria, a Corrente Sindical de Esquerdas volve expresar a súa disposición para o debate e, sobre todo, para aplicar as conclusións ás que se cheguen.

Adiante co nacionalismo de esquerdas!
Viva a República Galega!
Viva o socialismo!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Francisco Miranda Vigo Xosé Francisco Miranda Vigo é o presidente do comité de empresa da multinacional do automóbil Copo Ibérica, milita no sindicalismo nacionalista dende os anos 70. Na actualidade é membro da Executiva Confederal da CIG, onde exerce como secretario de Comunicación e Propaganda. É voceiro da Corrente Sindical de Esquerdas (CSE).