Moaña e Verín, os concellos con maior consumo de risco e intensivo de alcol entre menores

Santa Comba é o municipio con menor prevalencia, segundo un estudo realizado entre 2.667 estudantes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Unha maior densidade de puntos de venda e consumo de alcol constitúe un factor de risco nos patróns de consumo dos mozos menores de idade en Galicia. Así o afirma un estudo realizado entre 2.667 estudantes de 223 municipios, no que se evidencia que Moaña é o concello con maior prevalencia de consumo de risco de alcol e Verín lidera o consumo intensivo de bebidas alcohólicas.

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.

Os investigadores fixeron unha enquisa entre estudantes da Universidade de Santiago de primeiro curso sobre os seus hábitos de consumo de alcol durante a súa etapa no bacharelato. Os investigadores calcularon as prevalencias de consumo para cada un dos municipios de procedencia dos estudantes durante o ano anterior ao ingreso na universidade. Valorouse a asociación do consumo de risco de alcol e consumo intensivo de alcol cun modelo loxístico, considerando como variables independentes a poboación do municipio, a densidade de locais de venda, a densidade de locais de venda e consumo de alcol, e a densidade de ambos os tipos de locais no municipio.

Observáronse diferenzas significativas nas prevalencias de consumo de risco e consumo intensivo de alcol segundo o municipio de procedencia, pero centrado fundamentalmente nalgunhas cabeceiras de comarca.

Moaña (90%) e Santa Comba (15%) son os concellos con maior e menor consumo de risco de alcol, respectivamente

Entre os municipios máis grandes de Galicia, Lugo e Ourense presentaron as máis altas prevalencias de consumo de risco, de ao redor do 70%, e Santiago de Compostela e Pontevedra, do 60%.

En canto ao consumo intensivo, Verín (61%) e Santa Comba e Foz (0% ambos os dous) tiveron o maior e o menor consumo intensivo de alcol, respectivamente.

Entre as cidades, os investigadores destacan os casos de Ferrol e Ourense, que presentaron unha prevalencia de aproximadamente o 36%, e Santiago de Compostela e Pontevedra, onde foi do 30%.

Os resultados do traballo permiten afirmar que "a maior densidade de puntos acceso ao alcol se asocia a maiores prevalencias de consumo de risco de alcol e de consumo intensivo de alcol en mozos".

Os investigadores consideran ademais "rechamante que máis da metade dos enquisados declararon consumir alcol en locais como bares ou pubs", o que evidencia a venda de alcol a menores de idade en moitos locais da xeografía galega.

O estudo publícase na revista Gaceta Universitaria e está asinado por investigadores do CIBER de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) no Centro Nacional de Epidemiología do Instituto de Salud Carlos III, dos departamentos de Medicina Preventiva, Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, e Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, da Área de Investigación e Innovación do Complexo Hospitalario de Ourense (Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur), do Grupo de Investigación en Epidemiología Social y Cardiovascular da Facultade de Medicina da Universidad de Alcalá de Henares (Madrid) e do Departamento de Xeografía da Universidade do Porto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta