Noriega non cre que o conflito de En Marea cree un "efecto contaxio" a nivel municipal

O alcalde de Santiago agradece o "apoio sen fisuras" mostrado por Luís Villares

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2019 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mostrouse confiado en que o conflito que vive En Marea a nivel autonómico non produza un "efecto contaxio" no espazo político de Compostela Aberta. Segundo expresou, non lle preocupa que poida afectar á formación de cara ás eleccións municipais de maio.

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño noriega, en rolda de prensa
O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño noriega, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Aínda que admitiu que existen "vasos comunicantes", Noriega explicou que "as dinámicas locais distan moito das doutros ámbitos", e puxo como exemplo a súa experiencia en Teo: "Pasou que uns meses antes das eleccións locais, o voto ao Bloque nas europeas non chegou ao 10 por cento, e nas municipais tivemos maioría absoluta", dixo en referencia á súa etapa na formación nacionalista, que acabou abandonando.

O rexedor compostelán destacou o "esforzo en preservar o espazo político de Compostela Aberta" e a importancia de "coidalo", ademais de mostrarse convencido de que "non hai efecto contaxio nin tradución do conflito e da dinámica a nivel galego".

Nesta liña, profundou na necesidade de "ser responsable e preservar o espazo local". Martiño Noriega afirmou que na formación "habitan persoas de todo tipo de posicións con respecto ao ámbito galego, pero que a nivel local teñen claro que gobernar Compostela é un reto e unha responsabilidade que vale a pena".

Por iso argumentou que non será el "o que non consinta este espazo". "Esperamos que non haxa contaxio e coidaremos o espazo para seguir liderando o proceso de cambio no que está a cidade", remarcou.

RESPOSTA A VILLARES

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, agradeceu a mensaxe de "apoio sen fisuras" expresado polo líder de En Marea, Luís Villares. "Todos os apoios parécennos marabillosos", afirmou Noriega, que engadiu que "nunca sobran".

A fío disto bromeou ao explicar que agradece ao deán cando lle di que reza por el: "Nunca se sabe onde vai precisar de todo tipo de recomendacións, tamén no máis aló".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Torapia

"esforzo en preservar o espazo político de Compostela Aberta" e a importancia de "coidalo". Pero se se utlizou compostela aberta coma palanca para abrir o cristo todo da marea! Como se poden dicir estas cousas e pensar que está todo ben? Noriega usou CA para un asalto fracasado. Xa que hai gusto polas series da tele, vai o coment de Omar en The Wire: "You come at the king, you best not miss". Xa que vas a por todas, non falles.

1 lóstrego

"As dinámicas locais distan moito das doutros ámbitos" Xa, por iso empozoñaches a marea dende compostela aberta. Agora vén o eu non fun, eu non quixen, eu cria... Grazas por todo Martiño