Un xulgado decreta que o tiro ao pichón en Galicia é unha actividade ilegal

O xuíz sentencia que estes torneos non son autorizables tras a entrada en vigor da lei de benestar animal en 2017.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2019 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra decretou que en Galicia os torneos de tiro ao pichón "non resultan autorizables" tras a entrada en vigor en outubro de 2017 da lei autonómica de benestar animal.

Tiro ao pichón. ARQUIVO/FEDERACIÓN DE CAZA C-LM / Europa Press
Tiro ao pichón. ARQUIVO/FEDERACIÓN DE CAZA C-LM / Europa Press

Nunha sentenza con data do 10 de xaneiro, o xulgado inadmite en parte o recurso interposto pola Real Federación Española e a Galega de Tiro a Voo contra a Xunta e o Goberno sobre a denegación da solicitude de autorización dun campionato de tiro ao pichón na illa da Toxa, entre os días 3 e 8 de xullo de 2018.

Esta nova normativa de benestar animal derrogou a anterior, na que se permitía excepcionalmente á Xunta autorizar, baixo o control da respectiva federación, a celebración de competicións de tiro ao pichón. "Na nova lei non se incluíu dita excepción, a diferenza, por exemplo, dos peches e espectáculos taurinos", indica o maxistrado.

O xuíz subliña que a norma non só se refire aos animais domésticos, senón tamén aos "silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos", aos que prohibe matar en actividades deportivas ou recreativas.

"As aves utilizadas nestas competicións de tiro ao pichón son calificables como animais silvestres, xa que viven e reprodúcense en liberdade no medio natural, pero son capturadas e alimentadas durante varios días en catividade en instalacións de tipo industrial, manténdose en gaiolas ata o momento mesmo de inicio desta competición deportiva", sinala o maxistrado.

OS ANIMAIS NON PODEN OCULTARSE

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra destaca que non é unha actividade produtiva, xa que a súa finalidade principal non é a de xerar alimentos ou uso industrial, senón a recreativa e deportiva. Ademais, descarta que sexa unha práctica cinexética.

"O deporte do tiro ao pichón practícase sobre animais en situación inicial de catividade, que ao ser disparados no momento mesmo da súa liberación, carecen da posibilidade de preocultamento característica dos lances de caza", resalta.

O xuíz inadmite o recurso presentado contra o informe da Xunta que prohibe realizar o campionato e no referente á indemnización reclamada polas federacións. Con todo, estima en parte, debido a defectos de forma, o recurso interposto contra a resolución de 7 de febreiro de 2018 do secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, denegatoria da autorización para realizar o torneo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta