En Marea tacha de "insulto" o novo contrato para médicos: "é enquistar máis o problema"

Villares asegura que levará consigo "un novo déficit" de profesionais e insiste en pedir a "dimisión" do conselleiro de Sanidade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2019 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, tachou de "insulto", "bodrio" e "atropelo" o novo contrato para médicos, de 1 a 3 anos, proposto polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), ao que aboca ao "fracaso". Segundo as súas palabras, esta proposta "non é unha solución, é enquistar máis o problema" en Atención Primaria.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa. EN MAREA
O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa celebrada este venres no Pazo do Hórreo, o tamén portavoz parlamentario do partido instrumental volveu denunciar a "constante deterioración" dos servizos públicos galegos. Máis concretamente, cre que o novo contrato de estabilidade anunciado xa en decembro polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e que foi levado o pasado venres a mesa sectorial, será "un novo problema".

Lembrando as "reivindicacións na rúa" a través de diferentes mobilizacións, así como as feitas polos colexios profesionais sanitarios e a oposición, Villares criticou que o Sergas, "lonxe de aproveitar a ocasión", o que fai é adoptar esta modalidade contractual que "non está negociada nin pactada" cos colectivos.

Deste xeito, En Marea cre que esta medida, que "obriga" aos facultativos a facer gardas e "non fixa" o número de centros que atendería cada un -tan só garante que exercerán nunha soa área sanitaria-, "abre a porta á creación de prazas fixas con características similares" e a "un novo déficit de profesionais".

COMPARECENCIA DE ALMUIÑA

Ademais, Villares asegurou que o Grupo que el dirixe tamén apoia a petición por parte da oposición de que compareza no Lexislativo autonómico o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. A solicitude intensifícase tras a denuncia ante Fiscalía da suposta morte de dous pacientes nos corredores de urxencias do Hospital Clínico de Santiago o pasado 2 de xaneiro, o que a Xerencia da área sanitaria nega "rotundamente".

Sobre estes feitos, criticou que desde a Xunta "non houbo reacción de ningún tipo" e apelou á "dignidade" tanto "dos profesionais" como "das persoas nos últimos momentos das súas vidas". "Non poden ser que cheguen a un momento crítico e teñan que estar amontoadas no corredor", aseverou o portavoz de En Marea.

Así as cousas, considera que a "dimisión" de Almuiña é "recorrente", igual que estes feitos "recurrentemente escandalosos", xa que tanto Feijóo como o conselleiro, afirmou, "tiñan coñecemento particular sobre o que estaba a ocorrer en urxencias".

POLÍTICAS DE VIVENDA

Noutra orde de cousas, Villares avanzou que o seu Grupo centrará o seu traballo nas próximas semanas na política de vivenda, por mor de conclusións extraídas este fin de semana dunhas xornadas organizadas polo partido instrumental.

E é que, segundo critica, nas cidades galegas produciuse no último ano un incremento do 16 por cento dos prezos de aluguer e, máis concretamente, en Galicia "aumentaron os deshaucios" por falta de pagamento de hipoteca e aluguer, "unha tendencia inversa" á do Estado.

Por iso, criticou a "falta de políticas de vivenda" por parte da Xunta, posto que as xa implementadas ata agora tiveron un resultado "absolutamente nefasto", e pediu solucións para a xente "que está a ser deshauciada", así como que se impulsen os alugueres sociais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta