Artealdea: arte e espectáculo no rural

Festas gastronómicas, recreacións históricas, macroconcertos (mesmo en época de crise), mostras de teatro, romaxes ludico-relixiosas,... e agora tamén cabaré multidisciplinar no máis profundo do rural galego.

Por Antón Fernández | Covelo | 13/08/2011 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

Non é doado definir en que consiste Artealdea. Podemos comezar pola propia definición que dan os seus promotores: a promoción da arte e a cultura no medio rural. Todo xurdiu do maxín de Luís Alberto García, “Gigi”, artista polifacético con inquedanzas que van dende a pintura, a cerámica e o teatro que practicou no seu Bilbo natal, ata a lírica, a danza, a moda, o cine e a publicidade da súa etapa actual en Madrid. Como chega a mercar unha pequena construcción nunha pequena parroquia do concello de Covelo xa é un misterio. O caso é que “Gigi” pasa os veráns en San Xoán de Piñeiro dende hai anos onde, segundo o padrón municipal, están censados só 136 veciños.

None

En 2007 Luís Alberto García decide trasladar a este pequeno recuncho galego as amizades do mundo da arte e o espectáculo de Madrid e Euskadi creando o I Festival das Artes escénicas e tradición popular, Artealdea. Sen moitos recursos reedita a experiencia cada ano contando con colaboradores e artistas de todo tipo que participan de balde. Co soporte dunha asocición cultural sen ánimo de lucro, da que é presidente, e os propios veciños e veciñas o milagre transforma cada ano a Piñeiro no centro artístico da comarca.

O festival

Asistir a unha velada de Artealdea só esixe un vehículo privado e un bó mapa coas estradas  secundarias de Pontevedra. Na propia finca de “Gigi” sitúase o escenario e o patio de butacas. Nesta edición 2011, a quinta, habilitaron unha plataforma de madeira apta para, polo menos, corenta persoas. O programa importa pouco, sempre vai ser interesante. Para os que asistimos a algunha das sesións que se celebraron do 30 de xullo ao 7 agosto foi segura a sorpresa ao atoparmos actuacións tan curiosas como un espectáculo de Bolliwood, folclore alicantino, gospel, danza, txalaparta, flamenco ou de pandereteiras galegas. De cara ao ano que ven unha suxerencia: maior presenza da lingua e cultura galegas. Polo público asistente non vai ser.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Demófilo

Faláronme de Artealdea e faláronme ben. Alguén que foi convidado para participar con outros colegas seus. Polo que din este señor, un tal GIGI, ofrece cada ano unha serie de actividade voluntarias e gratuitas a quen queira visitar esta remota aldea galega. Ven a demostar que cun chisco de imaxinación podemos potenciar nesta Terra nosa unha serie de cuestións non só identitarias senón de todo tipo. Galicia é diversa, sorprendente, imaxinativa. Potenciemos estes valores e apoiemos a homes e mulleres que non sendo galegos/as está a facer Pais.