UPG ou a identidade propia do BNG

Que a Unión do Povo Galego (UPG) é o partido hexemónico do BNG é indiscutible. Partido comunista e patriota, así é como se define.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 26/08/2011

Comparte esta noticia

 E aínda cando os partidos comunistas son elementos fundamentais e esenciais dos sistemas democráticos, é imprescindible preguntarse se, na realidade practica, hai en Galicia unha maioría social – transversal - que nun momento dado se preste a apoiar co seu voto un proxecto de goberno de perfil comunista, na esencia ou na aparencia. Se a resposta é non, e é non, entón é un BNG domeado ante a UPG unha  alternativa real ao PPdeG  ou ao PSdeG?  Todos sabemos que non. E sabemos que non porque nesa contextura o BNG nin sequera existe con identidade propia. Problema maior, pois ese ser ou non ser confunde e cansa, induce rexeitamento e alimenta percepcións de irrelevancia: as organizacións políticas non só necesitan ter identidade propia, esa identidade ha ser  indistinguible do perfil do país. Volveremos ao tema. 

 
Nos Estados Unidos cando os partidos políticos teñen as súas convencións (congresos), foran estas estatais ou federais, sempre abren e pechan co himno nacional ou co Xuramento de Lealdade “The Pledge of Allegiance”, nun entorno adornado por milleiros de bandeiras, “inadulteradas”, sen máis estrelas cás que representan ao colectivo social, en pleno; ou sexa, coa simboloxía máis incluínte posible, a máis apartidista. O obxectivo é transmitir unha mensaxe de acaroamento ao cidadán medio, subliñando naquilo de que eles (o partido) non son nin máis nin menos ca unha mostra coherente e plenamente representativa do colectivo social. Esta simboloxía, estratexicamente configurada para proxectar unha imaxe indistinguible do perfil do país, de ningunha maneira compromete os valores do partido; máis ben normalízaos, mergúllaos no cotián afastándoos do pedestal para que fiquen alí, xusto alí, onde transcorre o devir do cidadán. Séguenlle á apertura unha rea de sermóns e predicas, unhas máis valeiras de contido ca outras, todas elas cargadas de loanzas ao candidato designado, matizando aquilo de que entende o sentir do cidadán medio porque el/ela é o cidadán medio: nós somos vós, vós sodes nós. Pois claro que os valores do partido non son alleos á convención.  Están en todo. Están en todo pero ao abeiro dos matices e dos detalles, no sublime, inconspicuos; porque do que se trata é de facerlle ver á cidadanía que están perante un espello do país.  E, claro, non han faltar os megáfonos de ataques aos partidos adversarios, aínda que en ningún momento se lle cuestiona o seu patriotismo ou pertenza, plena, ao colectivo social. Ou sexa, todo o que se espera dunha convención dun partido político: moita festa, pouca sustancia, e un desfile dos símbolos colectivos máis representativos da sociedade. Saben, por oficio, que hai cousas que transcende aos partidos ou doutra maneira os partidos non servirían para nada, tal parece ser o caso de Galicia - toda España - onde a incapacidade dos partidos de transcenderse a eles mesmos afógannos debaixo dos touciños dunha clase política – o feito de ser “clase” xa o di todo - cunha valoración moitas veces peor có estado de  inservible. Parasitos. Non están faltos de defectos os congresos dos partidos estadounidenses, mais algo levan aprendido nestes dous centos e pico de anos de andaina: nunca mostrarse como algo diferenciado do colectivo social.  Tal é o énfases en non distinguirse do colectivo social que ata o Tea Party, neofascista perverso virulento e maligno, se presenta cos ademáns máis paisanistas posibles. 
 
Diciamos que pouca sustancia. Pouca sustancia por dous motivos. Un: porque os valores dun partido teñen que ser máis ou menos constantes, nos que non se pode estar escarrañando tódolos días. Dous: porque é moi cedo para mostrarlle aos adversarios as propostas variables e puntuais, que poden utilizar ese tempo para difamalas. Pouco de sustancia pero moito de formas porque o primeiro que percibimos e apreciamos dos candidatos e partidos son as formas e xeito de se presentar ante nós: as convencións ou congresos son para conectar co pobo, mostrarse e mostrar o partido como unha parte indiferenciable do colectivo social. Antes de falar de sustancia hai que sentirse cómodo cos métodos, antes de crer a mensaxe hai que confiar nos mensaxeiros. Velaí a forza das formas. A palabra máis usada nas convencións é Nós, ese eternamente repetido “We”. Ou sexa, convencernos de que están falando a todo o país, con todo o país, e para todo o país: “We”. Xa haberá tempo abondo e de sobra para marcar diferenzas cos adversarios e presentar o programa electoral e de gobernación para o país, agora o prioritario é ser un extracto representativo da sociedade. Agora todos somos Nós, mesmo aqueles que probablemente nunca han considerar prestarnos o seu voto. Esa é técnica base dos partidos maduros nas democracias rodadas.
 
Nun ámbito galego, onde as primarias practicamente non existen - tenas o PSdeG, as veces, a medias, e cando cadra -  para elixir o cabeza de partido abondan dez minutos, e aínda queda tempo para tomar café; pois todo está debullado desde moito antes das xuntanzas dos congresos, aínda que nos prediquen o contrario.  Logo, os congresos dos partidos ben poderían dar algo máis can divulgar mensaxes dogmáticos (por ende excluíntes), subliñar diferenzas, e afastarse do cidadán.
 
Vén a conto  a leria que precede porque aínda teño fresco no lembradoiro o último congreso de UPG. E pois claro que non o vin desde adentro, todo o contrario, vino desde moi lonxe, se se lle pode chamar velo a ler nos xornais o acontecido. Lin o reportado, fotos incluídas, sen menos atención cá necesaria nin máis cá merecida. Para cantos crean que para opinar hai que ver as cousas desde adentro, aceptado, desde esa perspectiva a miña opinión ten tanto rigor como ir buscar auga cunha peneira. Para os que acepten a posibilidade de que os bosquexos das perspectivas se poden descifrar mellor desde lonxe, imos co que observamos. E o que observamos son os anacronismos de sempre: puños erguidos e gorxas nas que se adiviñaban vociferos cantos de non sei que glorias penas ou batallas, todas elas marcando diferenza cun colectivo social indiferente a tanta trapallada. Adiviñase unha UPG mergullada nos anacronismos marxistas e afastada do sentir maioritario da sociedade a que aspiran gobernar. Eses puños erguidos e exaltacións marxista houberan sido coherentes se a UPG, no que atinxe ao BNG, fora un de tantos. Mais ese non é  caso, a UPG é o partido dominante do BNG, con tódalas obrigas responsabilidades e reclamos de prudencia que iso reclama. As mensaxes de UPG son extrapolables ao BNG. A mensaxe  que transmite UPG non ten capacidade de captar unha maioría social. Deus saberá con que pobo queren conectar e de que colectivo social se consideran mostra ou extracto plenamente representativo e indistinguible. Non se lle reprocha o de marxistas, está claro que hai un sector do nacionalismo galego, do pobo galego, que se identifica co marxismo e atopa na UPG un vehículo moi coherente e acertado para a súa expresión democrática, pero puños erguidos e cantos absortos non son precisamente símbolos de identificación co mundo do cotiá. As formas contan. 
 
Está claro que un BNG incluínte das diferentes sensibilidades galeguistas-progresistas pode incluír a UPG, como tamén está claro que un BNG dominado pola UPG non ten posibilidade algunha de ganar unhas eleccións e acadar o goberno de Galicia. O BNG pode e debe ser unha suma das diferentes sensibilidades, asumir como identidade plural e heteroxénea o ser punto neurálxico do galeguismo progresista; velaí a identidade propia sen esmagar os elementos constituíntes. A identidade propia non pode ser outra máis ca aquela que o acaroe á Galicia media. E sendo a Galicia media plural e diversa, a pluralidade do BNG producto das deferentes sensibilidades amosaríase plenamente coherente.  Arestora o BNG non ten identidade propia, é unha simple máscara de UPG, con todo o que iso significa perante o electorado. E hora de superar os anacronismos, todos. E hora de que o BNG proclame a súa condición de esquerda moderna e pragmática. Os militantes independentes, irmandiños e +Galiza teñen unha tarefa descomunal por diante se queren ceibar ao BNG e proclamalo o gran partido que pode e debe ser. Se a UPG non é capaz de desamarrarse dos anacronismos e deixar que no BNG xurda unha identidade propia, o BNG ha ter que se desamarrar da UPG. E iso non é un desprezo a UPG, é un simple recoñecer a realidade: cando as diferenzas son insalvables cadaquén ten que seguir o seu camiño. A alternativa é a irrelevancia. E a irrelevancia é inminente.
 
O BNG necesita presentarse a unhas eleccións como un gran partido de fondo galeguista e socialdemócrata, e nada alleo ao pragmatismo tan necesario nestas épocas tan cambiantes e esixentes. E o electorado cando se para a sopesar ao BNG  necesita atoparse con moito máis ca unha praxe da UPG, sen máis outra identidade e sen máis nada que aportar.       
 
Nin o Códice, nin O Capital, nin a Biblia, nin o Manifesto do Partido Comunista se poden interpretar como se fosen  actuais; actual nin sequera é o discurso do ano pasado. Os anacronismos son sinónimo de incapacidade de progreso, e son unha renuncia ao futuro. Agardemos que o BNG saiba iso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/