Breve guía para entender o debate que arrecia no BNG

GC tenta deitar un pouco de luz na lea de siglas da fronte, que en Outubro encara unha Asemblea Nacional clave para a súa supervivencia. O partido máis forte, a UPG, critica aos alcaldes que piden un cambio de rumbo urxente.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/08/2011 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Lonxe de calmarse no verán, a discusión interna do BNG segue a quentarse tras o polémico manifesto de alcaldes. A maioría de edís da fronte, coa significativa excepción dos mandatarios afiliados á UPG, reclama un cambio urxente de rumbo para frear novos retrocesos electorais. Na súa opinión, o BNG mantén un discurso anticuado, que lle impide abrirse a novas capas sociais.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, criticou aos asinantes do texto por asumir un protagonismo que, na súa opinión, non lles corresponde. Outros militantes da UPG tamén criticaron aos alcaldes a través de Terra e Tempo, a revista dixital que edita a formación comunista. Iso si, o partido que dirixe Paco Rodríguez, o máis numeroso da fronte, non respondeu directamente, nun intento de non botar leña ao lume da polémica como fixeron, na súa opinión, os alcaldes críticos.

None

Os militantes da UPG disgustados coa publicación do manifesto

Emilio López, exdeputado e exdelegado da Xunta en Lugo, rexeita o discurso "descafeinado" que propoñen os alcaldes, aos que entre liñas critica por edonistas. "Estamos seguros de que os viaxeiros e viaxeiras dise barco pensan todos e todas o mesmo e están dispostos a tirar a historia do nacionalismo pola borda para emprender unha nova aventura cunha nova tripulación? Tan malos son os remeiros que trouxeron o barco ate este porto?", conclúe.

Tamén en Terra e Tempo Rosana Pérez acusa aos alcaldes de deslealdade co BNG e insiste en que as súas opinións non son máis relevantes que as de calquera militante. Pérez argumenta que "19 dos máis de 8.000 militantes do BNG veñen de lembrarnos que, despois do debate nas asembleas comarcais de xullo, hai quen prefire -para cansanzo e aburrimento de todas e todos os demais- continualo nos medios de comunicación, ávidos, como sempre, de trasladar á cidadanía as miserias dunha organización política que, na maioría dos casos, sírvellas en bandexa a través dos seus propios e 'destacados' integrantes".

O veterano militante da UPG Anselmo López Carreira rexeita que na fronte haxa falta de democracia interna e advirte que cómpre asumir que o BNG é nacionalista e de esquerdas ou facer un "cursillo de iniciación". Carreira desbota un novo retroceso electoral como o que temen os alcaldes críticos.

Os irmandiños e os ex-quintanistas apoian aos alcaldes

Da outra banda, os alcaldes críticos, procedentes na súa maioría do Encontro Irmandiño e Máis Galiza, manteñen que cómpre unha renovación da fronte.

Un dos alcaldes asinantes, Orlando González (Mondoñedo), acusou onte á UPG, maioría na cúpula da fronte, de seguir estratexias propias dos anos 70 e insistiu na necesidade de "modernizar" a mensaxe dos nacionalistas. Martiño Noriega (Teo) insistiu en que o BNG debe renunciar a "tutelar" á sociedade para adaptarse ás súas demandas.

O propio Encontro Irmandiño aplaude o manifesto. "A reflexións dos alcaldes conta coa simpatía do Encontro Irmandiño en primeiro lugar polo que ten de mostra de saúde a expresión libre da crítica, pero tamén porque atinan en sinalar e compartir con toda a militancia e segmentos progresistas do noso país, a emerxencia na que se atopa o nacionalismo", argumenta o partido de Xosé Manuel Beiras. Máis Galiza tamén deixa claro o seu apoio aos críticos ao reproducir o manifesto na súa web.

Novo partido en setembro?

O debate quentarase aínda máis en setembro, co reinicio do curso político. As grandes citas da Asemblea Nacional, que debe elixir candidato á Xunta, en outubro e das eleccións estatais en novembro determinarán o futuro da fronte. E antes, en setembro, a anunciada creación dun novo partido "galeguista e de esquerdas" que promoven ex-militantes do BNG coma Filipe Díez.

De cara á Asemblea Nacional, a UPG xa lanzou a oferta a  outras correntes de montar unha candidatura compartida. Con todo, esta posibilidade parece desbotada ante os recentes cruces de acusacións.

A liorta dos censo

Agora está por ver se Encontro Irmandiño e Máis Galiza son quen de sumar esforzos, como fixeron os seus alcades este agosto. Opción que parece complicada, pois ideoloxicamente Máis Galiza, herdeiros do quintanismo, representa opcións máis centradas; mentres os irmandiños apostan por refundar o BNG con criterios propios da esquerda altermundista. Agora ben, o peso da UPG no censo, que pode rondar o 50%, anima aos críticos a explorar consensos de mínimos.

Loxicamente, antes de pensar en alianzas, todas as correntes necesitan medir as súas forzas e aos dos rivais. É dicir, coñecer o peso de cadaquén no censo dos 8.000 militantes que o BNG di ter. No último Consello Nacional a UPG logrou que non se publicasen as listas antes de seren depurados de militantes que non están ao día no pago das cuotas.

Atraso da Asemblea Nacional?

Outra clave a considerar é un posible atraso da Asemblea Nacional, prevista para o 22 e 23 de outubro. Cando se aprobou a convocatoria, o Consello Nacional deixou a porta aberta a un atraso no caso de que ZP adiantase os comicios estatais. Organizar un debate de tal importancia a menos dun mes do 20N pode prexudicar as aspiracións electorais dos nacionalistas, que arestora teñen dous deputados nas Cortes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 42 comentarios

12 livre

O Sindicato de Alcaldes -como élite da militancia, polo menos é o que eles cren- que se poñen do lado do sol que máis quenta fronte á Santa Máfia da UPG. O BNG é un niño de ratas, hai que desinfectar!

1 Demófilio

Cando rematan unha eleccións municipais os partidos fan reconto dos alcaldes conseguidos (directa ou indirectamente). Móstranos ao público coma trofeos conquistados, que demostran a fortaleza do partido.Pero logo cando deciden expoñer os seus criterios políticos, senón coinciden coa cúpula do partido, dinlle que calen, que eles son iguais aos militantes que pegan carteis. Serán algo máis, non sí?

2 Pedreste

Si, á hora de votar no BNG o voto dun alcalde vale por... 2 militantes, 20 afiliados, 200 cotizantes, 2.000 asistentes á asemblea... Xa se mira como entende a Democracia o Demo de turno... Evidentemente hai que desratizar!

11 aaaaaaaaaa

Terra e Tempo dalle cen voltas a este dixital.

1 O Cernadas

Animo a todos os internautas que escriben aqui fagan o mesmo en Terra e Tempo. que critiquen tan libremente coma aqui. Xa veremos que pasa.

2 Xan dÖuteiro

Nunha publicación de partido como Terra e Tempo é imposible que exista pluralidade de opinións e menos crítica cara a esa forza política. Dicir o contrario é mentir. A liberdade de prensa é demasiado esixente para que un partido poida aturala.

3 Gamela

Suscribo a proposta de O Cernadas! Menos predicar e máis dar trigo! E xa de paso que escreben o que lles peta que fagan o favor de suscribirse para que teñamos un xornal que aínda defenda a LIBERDADE DE EXPRESIÓN EN GALIZA ! GC!

10 Tur

Non abusades un pouco co uso conxunción "a" despois do verbo?. Neste artigo, por exemplo: Criticou OS asinantes do texto (e non -criticou AOS asinantes do texto-). Tendes tantas faltas de ortografía que facedes dubidar a calquera.

1 XanCaraLlás

Si, en galego a preposición "a" para o complemento directo de persoa (de cousa, nunca) non se usa tanto como en castelán. En portugués non a usan nunca, e se se usa en galego é sen dúbida por influencia do castelán.

9 votante

Unha de cal e outra de area. O Portavoz Nacional do BNG di que o manifesto dos alcaldes e alcaldesas lle parece arriquecedor para o debate no BNG. Logo di que ten cousas máis importantes das que se preocupar. Cal é a conclusión: Non son malos pero carecen de interés? ou Carecen de interés pero eu teño cousas máis importantes que facer?. Debería explicar o Portavoz Nacional o que quixo dicir porque non son tempos de dirixentes xogando ao sofismo ou recitando as aprendizaxes do Tao. Ao mellor estaría ben este matiz sofista taoísta pero si o aplicara a todo e a todos. Cousa que non é, evidentemente.

8 Gamela

Se GC fose o órgano de comunicación do BNG todos teríamos as cousas máis claras e quen sabe.. ao mellor poderíamos chegar a eses acordos de mínimos. Mais o escurantismo desta formación é proverbial e como se pode ler nos comentarios niguén acredita nas declaracións formais e todo o mundo sabe que os "santóns" levanrán a auga ao seu muiño, coma sempre!