Noriega é "optimista" ante o xuízo contra os Franco, pero prevé unha longa "batalla" xudicial

O alcalde de Santiago sostén que o traballo realizado para reclamar as estatuas do Pórtico da Gloria "é de garantías"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mostrouse "optimista" ante o xuízo que arrinca este venres en Madrid contra a familia Franco pola titularidade das estatuas do Pórtico da Gloria que reclama o Concello compostelán nun procedemento que dura xa máis dun ano.

A preguntas da prensa este xoves, o rexedor de Compostela Aberta sinala que se afronta o xuízo con "todas as expectativas" que ofrece "un traballo documental que demostra que as pezas do Mestre Mateo son de titularidade municipal e que teñen que volver a Santiago para goce dos veciños e veciñas" e de "toda a xente" que visita a capital de Galicia.

Con todo, Martiño Noriega móstrase "consciente" de que "seguramente sexa un primeiro xuízo", xa que prevé unha "batalla xudicial" con longo percorrido. Así, espera que haxa unha primeira sentenza en primeira instancia antes do verán, aínda que "seguramente acabe no Supremo", aínda que "oxalá non".

O alclade de Santiago, Martiño Noriega, en rolda de prensa
O alclade de Santiago, Martiño Noriega, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

"Detrás deste xuízo tamén hai a posibilidade de xerar un precedente sobre o que foi o espolio patrimonial que unha familia fixo amparándose nunha ditadura ao longo do século XX", explica. Deste xeito, defende que o traballo realizado para reclamar as estatuas "é de garantías e a posición na reivindicación e na acción civil contra a familia Franco está ben sustentada".

Cuestionado sobre que ocorrerá coas estatuas no caso de que se dea a razón ao Concello de Santiago, o alcalde apunta que "está por definir", pero unha opción é que pasen a formar parte do Museo da Catedral co fin de "poder agrupar todo o patrimonio" de Mateo. "Non podemos adiantar acontecementos", engade.

CASO

O Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid celebrará este venres, día 1 de febreiro, o xuízo contra a familia Franco pola propiedade destas dúas estatuas.

O inicio do xuízo foi fixado por este mesmo tribunal o pasado 19 de novembro, despois de que non se alcanzase ningún acordo entre as partes na audiencia previa celebrada en Madrid. Naquela xornada, a xuíza Nieves Medrano admitiu un informe pericial proposto polo avogado do Concello no que un catedrático de arte expón que as estatuas foron adquiridas polo Consistorio en 1948.

O avogado da parte demandada, pola súa banda, tratou de combater a proba afirmando que a mesma non era pertinente, segundo confirmaron a Europa Press fontes xurídicas. Ao comezo do proceso, a familia Franco mantiña que as obras foron adquiridas por un familiar nun anticuario. Con todo, o seu avogado sostivo entón que a propiedade é da familia a raíz do paso do tempo.

As estatuas dos profetas Abraham e Isaac, pertencentes orixinalmente á fachada do Pórtico da Gloria, foron adquiridas polo concello en 1948 baixo a premisa de que permanecesen sempre en poder público.

Con todo, por un proceso do que non consta ningunha documentación, as dúas pezas patrimoniais, en vías de ser declaradas BIC, pasaron a mans da familia Franco nos anos 60. En setembro de 2017, o consistorio compostelán iniciou un proceso para reclamar a súa devolución, que chegou a sede xudicial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta