A oposición cuestiona a "utilidade" da viaxe de Feijóo a Estados Unidos para promocionar o Xacobeo

O Partido Popular insta a En Marea, PSdeG e BNG a aparcar as críticas e "traballar" polo Ano Santo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia mostraron os seus receos sobre a "utilidade" da viaxe aos Estados Unidos do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para promocionar o Xacobeo que se celebrará no ano 2021. Pola súa banda, o portavoz dos populares na Cámara, Pedro Puy, subliñou que o Ano Santo é "un proxecto de país", polo que instou aos grupos da oposición a aparcar as críticas para "traballar todos na súa promoción".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

Puy lembrou que foi o Grupo Parlamentario do PPdeG "quen preguntou" ao presidente da Xunta sobre as súas últimas viaxes institucionais, algo que, para o portavoz conservador, é "significativo". "Estamos nós máis prestos a preguntar que a oposición", apostilou.

E é que, minutos antes, os portavoces da oposición acusaran ao Goberno galego de falta de transparencia á hora de informar as viaxes institucionais dos seus mandatarios. A primeira en facelo foi a líder do BNG, Ana Pontón, quen reclamou ao Goberno galego que dea conta das saídas ao estranxeiro dos seus responsables.

"Cando non gobernaba o PP informábase das viaxes institucionais e había datos e transparencia. Creo que isto, lamentablemente, será unha xira na que Feijóo se paseará polo mundo pero non creo que nos vaia a traer moitos réditos aos galegos", apuntou Pontón, que cre que estas viaxes "carecen de utilidade" e non conseguirán "obxectivos políticos e económicos para Galicia".

Neste sentido, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou que o seu partido "considera que os intereses de Galicia deben contemplar este tipo de accións exteriores", pero matizou que para promocionar o Xacobeo quizá "este non sexa o destino máis importante".

"Gustaríanos que puidese haber un debate parlamentario sobre os obxectivos e o resultado desta viaxe e doutros desprazamentos, pero Feijóo tennos adoitados a negar esta posibilidade", sinalou Leiceaga en rolda de prensa este luns.

Por último, o portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou que é "interesante" que a Xunta promocione o Xacobeo, pero cre que "non se pode hipotecar o futuro" de Galicia ao Ano Santo.

E é que, segundo Villares, o Xacobeo xera "emprego de baixa calidade, moi estacional", polo que "fiar" o "futuro" do país a esta cita supón "unha política insuficiente" por parte do Goberno galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta