O PPdeG mantén a porta aberta a un pacto coa ultradereita "dentro das regras" do Estatuto e a Constitución

A oposición censura o xiro do PP no referente a pactos de goberno e cre que o seu achegamento a Vox "contradí" o seu discurso "autonomista".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu —en referencia a posibles acordos co partido ultradereitista Vox en Galicia—  que se establezan pactos entre distintas forzas políticas a condición de que se produzan "dentro das regras" que marcan o Estatuto de Autonomía no caso de Galicia e, por extensión, a Constitución española.

A ultradereita española e francesa: Santiago Abascal (VOX) e Marine Le Pen (Frente Nacional de Francia)
A ultradereita española e francesa: Santiago Abascal (VOX) e Marine Le Pen (Frente Nacional de Francia) | Fonte: VOX.

"Un pode lembrar a frase de que a política ás veces fai estraños compañeiros de cama", comentou o portavoz dos populares galegos na Cámara. Puy realizou estas declaracións despois de que, o pasado domingo, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, abrise a porta a pactar con Vox en Galicia.

Ao fío diso, Puy comentou que os populares estableceron pactos de goberno en municipios con forzas que van "desde as mareas ao PSOE ou o BNG" e que continuarán chegando a acordos con outros partidos "sempre que interese aos cidadáns".

Con todo, censura que o debate se centre en se o PP chegará a pactos cunha forza política como Vox "que non ten representación" en Galicia na actualidade, o que lle levou a lamentar que non se poñan en cuestión outros acordos xa selados como o do BNG para concorrer ás europeas con EH Bildu e ERC.

O popular subliñou que "non" entende que a "opinión pública" se centre nunha hipotética alianza entre Vox e o PP e non en que o BNG estableza un "pacto permanente de colaboración" cun partido que "cada vez que liberan a un etarra fan festas de benvida", en alusión a Bildu, e con outra forza como ERC que ten "aos seus líderes procesados por facer un grave dano á orde constitucional".

"O PP é un partido democrático, con principios liberais, conservadores, reformistas e fortemente autonomistas. Son os principios que defendemos e non defenderemos ningún pacto que vaia en contra deses principios", resolveu.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou de "curioso" que o Partido Popular, "que ata agora presumía de defender o criterio de que ten que gobernar a lista máis votada", a "uns meses antes das eleccións" mostre a súa disposición "a pactar con quen sexa para seguir no Goberno".

"Non sei se ese criterio da lista máis votada, defendido durante tantos anos, segue vixente ou non. Pero dá a impresión, polas palabras de Diego Calvo, que están dispostos a pactar con calquera grupo, incluído Vox, para seguir no Goberno", destacou Leiceaga .

Para o portavoz de En Marea, Luís Villares, o "disfrace autonomista" co que, di, se viste agora o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra en "contradición" coa porta aberta a chegar a acordos con Vox.

"Non se pode ser autonomista e centralista ao mesmo tempo. Ou se está dun lado ou se está do outro, non caben posicións simultáneas en temas tan contraditorios", incidiu Villares, que censura que o PP se achegue a partidos políticos que "alentan o odio cara ao Estado das autonomías".

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o PP e Vox "son dúas caras dunha mesma moeda" porque, ao seu xuízo, a extrema dereita "non deixa de ser unha escisión do propio Partido Popular".

"O que me parece grave é que ao PP llke pareza normal pactar cunha forza política que quere acabar coa autonomía de Galicia, que quere derrogar as leis contra a violencia de xénero, unha forza política antigaleguista, racista e machista", sentenciou Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

A ultradireita não respeita a constituição ou o estatuto. Então, há duas opções, um pacto contrário a constituição e o estatuto ou não pactar com a ultradireita. O demais são brindes ao sol.