Denuncian "dedazo" na dirección do Museo de Pontevedra

Comisións Obreiras di que o proceso de selección "corre o grave perigo de ser sometido a inxerencias políticas" da Deputación. O vicepresidente xustifica que as bases para optar ao posto de dirección recollen "o que di a lexislación".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 04/02/2019 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

Os delegados sindicais de Comisións Obreiras alertaron de que o Museo de Pontevedra "corre o grave perigo de ser sometido a inxerencias políticas" da Deputación provincial por impor o "dedazo" na convocatoria da praza de dirección deste organismo cultural.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: FirkinCat en Wikipedia.

O sindicato cuestiona as bases deste proceso de contratación para cubrir unha vacante nun posto de alta dirección, aínda que admite ser consciente de que "é legal", pero non lle "parece ético".

Ángela Comesaña e Juan de la Vega, trasldaron o parecer de boa parte do persoal técnico do Museo de Pontevedra, "non é o da totalidade", precisaron.

Así, consideran unha "tremenda irresponsabilidade" por parte dos dirixentes políticos desta Deputación provincial permitir que o Museo permaneza sen dirección un mínimo de cinco meses, "máximo tendo en conta que a xubilación do anterior director estaba prevista de maneira automática", abundaron.

Denuncian así mesmo a "total e máis absoluta falta de respecto cara ao persoal do Museo" que, a pesar de solicitalo en reiteradas ocasións, "non foi digno", matizaron, de recibir explicación de ningún tipo por parte do deputado de Cultura, Xosé Leal "que nin sabe nin contesta".

Comisións Obreiras critica que nin o vicepresidente César Mosquera nin o deputado Xosé Leal contemplen a posibilidade de que un membro do actual persoal poida suceder ao exdirector Carlos Valle, ou que non se estudou a posibilidade de cubrir o posto de dirección de maneira temporal cun técnico superior do propio Museo, ata que chegue a nova persoa responsable da dirección.

"IMPROVISACIÓN"

Despois de sinalar que co currículo de Xosé Leal "non" o ven "preparado para isto", Ángela Comesaña lamentou a "improvisación política" e que nestas "mans inexpertas e ignorantes sobre este campo", recaia a responsabilidade de decidir quen será a persoa que dirixa o Museo nos próximos anos. "Somos o Museo de Pontevedra, non o museo do xamón", engadiu.

Estes delegados sindicais denuncian que case catro anos despois de que fosen eliminados os organismos autónomos da Deputación seguen "igual: sen autonomía, sen organigrama, sen guía de funcións, sen dirección e sen sentido". Por non ter, engaden, "o museo non ten nin uns estatutos que regulen o seu funcionamento".

RESPOSTA DE MOSQUERA

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, xustificou que as bases para optar ao posto de dirección do Museo recollen "o que di a lexislación para cubrir postos directivos". "Eu quizá non o faría así", recoñeceu, pero "hai que aterse á lei", apostilou.

Mosquera engadiu que son "os mesmos criterios" que se seguiron nas convocatorias do posto de dirección da Cidade Infantil Príncipe Felipe e do Servizo provincial de Mobilidade, "e non pasou nada e funciona razoablemente ben", afirmou.

"Levariámosnos unha alegría que fose alguén que xa coñece o Museo de Pontevedra", concluíu o vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta