Os menores galegos que beben alcol inícianse aos 13 anos, a primeira borracheira é aos 14 e proban drogas duras aos 15

Un estudo feito nas catro provincias galegas sinala que os adolescentes que se inician antes no consumo de alcol presentan unha maior probabilidade de consumir outras substancias psicoactivas, taxas de consumo de risco tres veces superiores e implícanse máis en prácticas potencialmente perigosas

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/02/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os adolescentes galegos que beben alcol inícianse no consumo destas bebidas cunha media de idade de 13,4 anos, teñen a súa primeira borracheira aos 14,5 e comezan a experimentar coas drogas duras arredor dos 15. Así o constata un estudo feito cunha mostra de 3.419 adolescentes entre 12 e 18 anos. Os resultados, segundo os autores do traballo, demostran que a idade de iniciación é menor do que suxire a  Enquisa sobre uso de drogas en Ensinanzas Secundarias en España, ESTUDES, don Plan Nacional sobre Drogas, impulsado polo Ministerio de Sanidade.

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.

O estudo tamén corrobora que quen se inicia antes no consumo de alcol presenta unha maior probabilidade de consumir outras substancias, taxas de consumo de risco tres veces superiores e implícase máis en prácticas potencialmente perigosas.

A investigación desenvolveuse con estudantes de Educación Secundaria Oblrgatoria (ESO), Bacharelato e Ciclos Formativos de grao medio de 37 centros de titularidade tanto pública como privada/concertada das catro provincias, respectándose as cotas a nivel poboacional.

Observouse que 4 de cada 10 adolescentes que probaron o alcol fixérono antes dos 14 anos, do mesmo xeito que sucede co tabaco. A porcentaxe de adolescentes que consomen tabaco e outras substancias é moito maior entre aqueles que se iniciaron antes no consumo de alcol

Os resultados obtidos reforzarían, segundo os investigadores, a existencia dun “circuíto de consumo” no que se poden identificar tres grandes etapas ou momentos. O primeiro deles ten lugar cando os adolescentes empezan a consumir alcol, sendo esta a primeira substancia coa que experimentan (aos 13,4 anos, máis ou menos), inmediatamente seguida polo tabaco (aos 13,6). Aproximadamente un ano despois tería lugar a primeira borrcheira (14,5 anos), estreitamente vinculada á experimentación co cannabis (14,6 anos). Pouco máis tarde (ao redor dos 15 anos) iniciaríanse no consumo doutras substancias ilegais, tales como a cocaína, o éxtase, os alucinóxenos ou as anfetaminas.

Existiría, por tanto, o que os investigadores chaman unha "franxa crítica" na que ten lugar o inicio do consumo das diferentes substancias  psicoactivas, que se sitúa entre os 13,5 e os 15,5 anos, sendo o alcol a primeira substancia coa que adoitan entrar en contacto os adolescentes.

Os autores do traballo subliñan que canto antes empezan os adolescentes a beber alcol, antes comezan a consumir outras substancias.

Comprobouse tamén que a porcentaxe de adolescentes que se implican en numerosas prácticas de risco —pelexas, viaxar cun condutor baixo os efectos do alcol, manter relacións sexuais das que se arrepentiron, accidentes ou lesións— é significativamente maior entre aqueles que comezaron antes a beber.

Os resultados obtidos revelan unha taxa tres veces maior de problemas co alcol entre os adolescentes de inicio temperán, ata tal punto que 7 de cada 10 adolescentes de inicio temperán deron positivo no AUDIT (proba simple de dez preguntas desenvolvida pola Organización Mundial da Saúde que serve para determinar se o consumo de alcol dunha persoa se pode considerar perigoso).

O estudo tamén pon de manifesto a importancia do consumo na contorna e, en especial, do grupo de iguais. Así, os patróns de uso vixentes no grupo de referencia do adolescente estarían a exercer unha importante influencia na idade de inicio do consumo de alcol: a taxa de adolescentes de inicio temperán é 2,31 veces maior cando os irmáns beben alcol e 2,77 veces maior cando os seus amigos se emborrachan.

En calquera caso, os investigadores din que é importante sinalar que a capacidade explicativa destas variables segue sendo reducida, sen que ademais se poida establecer relacións de causa-efecto. Os autores recoñecen que non é posible determinar se os adolescentes que comezan a consumir antes alcol o fan porque os seus iguais tamén consomen ou se, pola contra, teñen máis amigos consumidores por iniciarse antes. Esa, din, é precisamente una das limitacións deste traballo.

Os resultados publicáronse nun traballo titulado "A idade de inicio no consumo de alcol en adolescentes: implicacións e variables asociadas", asinado por Antonio Rial Boubeta, Carmen Barreiro e Patricia Gómez, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Isorna, da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Este tipo de estudos aparecem periodicamente, Eu não vejo nada novo neles, poderíamos dizer que a tendência continua. Agora eu nunca vi neste tipo de estudos alguma ideia ou proposta para mudar e melhorar a situação.