Denuncian o "estado de absoluto abandono e preto da ruína" do hospital medieval de San Miguel

A Xunta prevé que en 2021 estea rehabilitado para o Xacobeo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/02/2019 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, asegurou este martes que prevé que o hospital medieval de peregrinos de San Miguel, situado en Lugo, estea rehabilitado no próximo ano santo, en 2021.

Rafael Sánchez Bargiela en comisión
Rafael Sánchez Bargiela en comisión | Fonte: Europa Press

Na comisión de Turismo do Parlamento galego, a deputada do PSdeG Concepción Burgo denunciou o "estado de absoluto abandono e preto da ruína" deste inmoble. Apunta que co bipartito había un proxecto para a súa rehabilitación, pero censura que desde 2009, coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, "non lle importa" unha casa "catalogada e coa máxima protección".

"Que diría e faría o Goberno se esta casa fose dun particular?", pregúntase a deputada socialista, quen ensinou fotos do estado ruinoso no que se atopa o inmoble.

Este antigo hospital conta cunha casa-torre medieval e unha vivenda en forma de ele de época posterior, con tres niveles edificados e uns 110 metros cadrados.

MESA DE TRABALLO O DÍA 25

En resposta, Sánchez Bargiela explicou que antes de comezar coa súa rehabilitación, se debe decidir a que usos públicos dedicar este edificio, pois indica que xa hai un albergue próximo e xa existe un centro de interpretación do Camiño Primitivo. Ademais, non pode ser destinado para vivendas.

Para iso, o responsable da SA de xestión do Xacobeo avanza que o próximo 25 de febreiro haberá unha mesa de traballo entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e Turismo para "buscar usos", co fin de atopar un "mantemento sustentable". Na actualidade, o edificio atópase "apontoado para evitar que poida haber calquera tipo de perigo".

Como réplica, Burgo censurou que se necesitaron "dez anos para montar unha mesa de reunión", polo que reprocha que "acelerados non van" e avisa de que "un pouquiño de rapidez non viría mal".

Ademais, Sánchez Bargiela puxo en valor os máis de 25 millóns de euros destinados nos últimos tempos pola Xunta a arranxos en 36 edificios no barrio lucense da Tinería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta