Pode considerarse o eucalipto unha especie invasora? "Bioloxicamente si"

O investigador do centro CRETUS da USC Jonatan Rodríguez asegura que dá conta das características biolóxicas desta árbore e explica se estas entran na liña do que demos en chamar especies invasoras ou, pola contra, só estamos ante unha especie exótica.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Non é nada novo nin espontáneo. A expansión do eucalipto en Galicia leva décadas en curso, alimentada por intereses económicos, certa permisividade institucional e unha adaptación biolóxica notable. Pero nos últimos anos o debate volveu con forza: con cada vaga de incendios, con cada proxecto industrial baseado na pasta de papel ou con cada decisión política sobre moratorias forestais. A pregunta que nos facemos dende Galicia Confidencial é: debemos considerar o eucalipto unha especie invasora? Ou só unha árbore exótica cunha gran capacidade de adaptación? Para resolver estas cuestións botamos man de Jonatan Rodríguez, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) especializado en bioloxía funcional, que nos dá conta das características biolóxicas desta árbore e nos explica se estas entran na liña do que demos en chamar especies invasoras ou, pola contra, só estamos ante unha especie exótica.

Repoboación de eucalipto
Repoboación de eucalipto | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Para ninguén é unha sorpresa dicir que o eucalipto se espalla rapidamente polos nosos montes, como un gran mancha. Pero, o primeiro que sinala Rodríguez, sobre o que convida a reflexionar, é que hai diferentes formas de expansión dunha especie e, no caso do eucalipto, especialmente da especie 'Eucalyptus globulus', esta expansión non se produce tanto por medios naturais como pola man do ser humano. "É moi difícil que unha pradeira sen eucaliptos, por exemplo no medio de Santiago, remate sendo invadida por esta especie sen que alguén a plante antes", sinala. E é que a súa capacidade de dispersión natural é limitada. Os seus froitos son grandes e teñen moitas máis sementes no seu interior que outras árbores autóctonas, pero estas non viaxan ben nin a través do vento nin dos animais. A súa principal vía de expansión son os cursos de auga, grazas á flotación dos seus froitos. "O desprazamento de maneira natural das sementes adoita ser duns 20 ou 30 metros, como moito", explica o investigador da USC.

Por iso, insiste en que a súa presenza en Galicia débese, directamente, ás plantacións realizadas por particulares e empresas que buscan sacar un rendemento económico con elas. "Plantacións que, unha vez se abandonan ou se perden os límites da parcela, vanse expandindo sen control", advirte. E engade: "A especie non se move por si soa, pero é certo que unha vez está nun sitio é moi difícil de erradicar, porque compite moi ben polos recursos (auga, nutrientes e luz) e ten unha capacidade de rebrotamento brutal". Pero tamén concede que o seu nivel de espallamento vai depender moito do medio no que se atope. "O eucalipto non pode expandirse ben nun prado con herba alta e densa, pero si nun terreo ermo ou queimado", explica. Neste senso, apunta: "Cando o lume pasa, o eucalipto queda, e iso é importante, porque pode rebrotar máis rápido ca outras especies e sacarlles terreo". Así as cousas, "unha vez que se establece unha plantación de eucaliptos, aínda que logo se corte, seguramente co paso do tempo van xurdir novos eucaliptos".

ADAPTACIÓN AO CLIMA GALEGO E IMPACTO NOS ECOSISTEMAS

Pero o éxito do eucalipto en Galicia tamén reside na súa non pouco sorprendente adaptación ao noso territorio, pois non todas as especies que chegan de fóra son quen de sobrevivir nas condicións climáticas que ten Galicia sen coidados específicos. É o caso da planta dos tomates, que chegou de América fai centos de anos e, aínda así, se non se coida con mimo, pode morrer ou coller enfermidades rapidamente. Con todo, como explica Rodríguez, o eucalipto "provén dunha zona do sur de Australia e Tasmania con precipitacións --entre 500 e 1.500 mm ao ano-- e temperaturas --clima temperado, entre 14 e 15 graos de media anual-- moi semellantes ás de Galicia". E, algo curioso que tamén coincide co solo que temos en Galicia é que o eucalipto dáse moi ben en solos graníticos, algo moi abundante no noso territorio. Ademais, sinala que en Galicia tamén se usan variedades seleccionadas xeneticamente para que resistan mellor as pragas e enfermidades ou para que medren máis rápido que os individuos silvestres, o que favorece aínda máis o asentamento desta especie nos nosos montes. Isto tamén acontece en Australia, onde si que hai zonas que contan con poboacións nativas de eucalipto, pero onde tamén hai outras que están empregando individuos modificados xeneticamente para resistir sequías, pragas ou falta de nutrientes, polo interese madeireiro que ten a propia especie tamén naquel país.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos | Fonte: EP - Arquivo

O problema, segundo o investigador da USC, chega cando falamos do seu impacto sobre o medio. "Non é que o eucalipto faga dano de forma consciente, pero é unha especie moi eficaz á hora de aproveitar os recursos do medio da maneira máis eficiente posible", sinala, e explica que as súas raíces son quen de absorber gran cantidade de auga, ao que se suma a súa taxa de crecemento moi superior a especies autóctonas como o carballo ou o castiñeiro. Así mesmo, o eucalipto tamén libera compostos químicos que dificultan a xerminación doutras plantas e limitan ou reducen o seu crecemento, o que se denomina alelopatía, e funciona como unha barreira invisible que impide que outras especies agromen ao seu carón, o que se traduce nun empobrecemento da biodiversidade vexetal, afectando á súa vez outras especies da cade trófica. Se a iso se engade o feito de que cando unha especie exótica chega a un territorio novo aínda non conta con inimigos naturais, a festa está servida. "O eucalipto conta en Australia con moitos insectos e patóxenos, ademais dos koalas cos que tanto se fai a broma, que se alimentan del", explica Rodríguez. En Galicia, pola contra, aínda non conta con inimigos moi potentes, aínda que si que "nos últimos anos atopáronse algúns fungos e patóxenos, así como o gorgullo ('Gonipterus scutellatus') --un escaravello que é inimigo natural do eucalipto e que foi achado no ano 1991 por primeira vez en España en Lourizán (Pontevedra)-- que lles están causando bastantes danos".

NON ESTÁ NO CATÁLOGO DE ESPECIES INVASORAS, PERO PODERÍA ESTALO

A todo o anterior habería que engadir que o eucalipto ten un crecemento moi rápido, o que quere dicir que, xa de por si, de forma natural, pode chegar a adquirir alturas considerables en pouco tempo, menos de 10 anos. "Medra de maneira moito máis rápida que outras especies locais nativas que podemos ter en Galicia, como o carballo, o castaño ou o ameneiro, que adoitan ter un crecemento moito máis lento", apunta Rodríguez. E sinala que isto, á hora de competir con outras especies por recursos como a luz, favorécelle moito, porque vaina recibir máis rápido que outras árbores. Por outra banda, o investigador da USC tamén resalta o groso das raíces do eucalipto, que "permítenlle absorber moitísima auga en relación a especies autóctonas, chegando coas súas raíces antes aos acuíferos subterráneos". De feito, hai veces nas que mesmo se asocia a proximidade de plantacións de eucalipto á desecación de acuíferos ou pequenos cursos de auga.

Legalmente, o eucalipto non está incluído no catálogo español de especies exóticas invasoras. Pero, dende o punto de vista científico, Rodríguez asegura que "hai evidencias e argumentos sólidos para consideralo como tal dende o punto de vista científico e biolóxico". Ademais, el mesmo confesa que "si a considero unha especie invasora". Con todo, apunta a que o eucalipto está situado nun rango medio de risco dentro das clasificacións botánicas: "Non está entre as máis perigosas, porque non é tan agresiva como a mimosa, pero o seu impacto unha vez establecido no territorio é moi severo, xa que modifica ou altera o medio no que se planta". Así, explica que non hai que cometer o erro de pensar que todas as especies invasoras teñen a mesma capacidade de invasión: "Hai niveis de impacto". E engade que probablemente sexa a súa limitada capacidade de dispersión natural a que explica por que non se atopa entre as especies máis problemáticas dos nosos montes, como si é o caso da mimosa. Con todo, esa limitada capacidade muda coa intervención humana: "Se alguén o planta, logo ten moita capacidade para manterse e rebrotar, mesmo se se corta despois de facer unha tala forestal", asegura.

MECHA AÉREA PARA OS INCENDIOS E COMBUSTIBLE NATURAL NAS FOLLAS SECAS

Outro dos aspectos polémicos é a súa relación co lume. Rodríguez é claro: "O eucalipto non provoca incendios por si só, sempre ten que haber unha chispa inicial" que, lamentablemente, adoita ser a man do home. Ademais, resalta que "non prende máis facilmente ca outras especies, pero, se un lume chega ata el, si favorece a propagación do incendio como poucas especies fan". Por unha banda, hai que ter en conta o tema da elevada absorción de auga polas súas raíces, o que fai que a contorna quede seca, o cal favorece ao lume e tamén reduce a probabilidade de que haxa especies que poidan servir como barreira para a propagación das chamas. Por outra banda, a súa cortiza actúa en moitas ocasións como unha auténtica mecha que favorece que o lume trepe rapidamente polo tronco ata a copa. E a isto súmase que as súas follas tamén se poden incendiar facilmente e desprenderse con facilidade cando hai incendios, especialmente se hai grandes incendios con ventos fortes, tendencia que se está vendo moito nos últimos lumes rexistrados en Galicia.

Esas follas secas e en chamas poden viaxar co vento quilómetros e prender noutros puntos. Pola tanto, como apunta Rodríguez, "o problema non é tanto a inflamabilidade do eucalipto en si, como a súa capacidade de favorecer o espallamento do lume". A isto súmase o feito de que a madeira do eucalipto consúmese moi rápido, o que acelera a propagación. "Comparado con especies como o carballo ou o castiñeiro, que arden moito máis lentamente porque teñen madeira máis dura, o eucalipto é un risco real", sentencia o investigador da USC. Así mesmo, un problema engadido é toda a follaxe que queda no chan e que se fai acumulando ano tras ano, que pode actuar como combustible perfecto para o espallamento horizontal do lume. E, para rematar, tras o lume, o eucalipto tamén é das primeiras especies en rebrotar. "Xunto coas acacias, son as especies que dominan o terreo calcinado nos dous ou tres anos posteriores", explica. Deste xeito, se previamente ao lume había no lugar unha plantación de eucaliptos, esta volverá rexurdir moi probablemente.

Árbores de eucalipto arden durante un incendio en Trabada
Árbores de eucalipto arden durante un incendio en Trabada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta