Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Cando a rede eléctrica se esvaeceu o pasado 28 de abril, a escuridade foi tamén técnica e política. Durante máis de 10 horas, milleiros de fogares e empresas quedaron sen luz. O apagamento, que afectou á práctica totalidade de España e Portugal, aínda está a ser investigado e, como anunciou o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, as causas tardarán uns meses en coñecerse. Con todo, houbo un debate que se puxo decontado sobre a mesa: onde estaban as centrais nucleares cando fixeron falta? Por que tardaron tanto tempo en conectarse de novo á rede eléctrica tralo apagamento? A resposta, complexa, non se resolve cun 'on' ou cun 'off'. Por iso, Galicia Confidencial fala con Ignacio Durán Escribano, catedrático 'ad honorem' de Física Atómica e Nuclear da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para tratar de afondar nas claves técnicas, enerxéticas e políticas da cuestión. Sen agochar a súa postura favorable á enerxía nuclear, Durán ofrece argumentos sobre a estabilidade que estas plantas achegan ao sistema eléctrico, ao tempo que advirte: "A seguridade total non existe". Como tampouco existen solucións sinxelas nunha transición enerxética que esixe, máis ca nunca, cabeza fría e planificación a longo prazo.
O primeiro paso para entender o papel das centrais nucleares, di Durán Escribano, é comprender como funcionan as que temos en España. "Basicamente, no núcleo do reactor nuclear prodúcese unha reacción de fisión controlada (reacción en cadea) da que se desprende calor". Para manter a temperatura constante, "hai un circuíto primario de refrixeración no que se produce vapor de auga que se envía a unha turbina para xerar corrente eléctrica", da mesma maneira que acontece en calquera outra planta térmica de combustible convencional --carbón, gasoil, gas, residuos orgánicos,etc.--. Agora ben, como apunta, co paso do tempo fóronse desenvolvendo distintas xeracións de tecnoloxía nuclear. "As que temos en España son Gen II", sinala. As máis modernas son Gen III e as post-Fukushia son Gen III+. Ademais, tamén hai outras tecnoloxías emerxentes, englobadas baixo a denominación Gen IV, que están tratando de abrirse camiño, "sobre todo no sector SMR (Reactores Modulares Pequenos). Pero sexan da xeración que sexan, o catedrático 'ad honorem' afirma que "todas son moi seguras", aínda que confesa que "a seguridade total non existe". Iso si, recoñece que os reactores máis modernos "son máis resistentes a ataques externos --terrorismo, terremotos, tsunamis, etc.-- e xestionan mellor o combustible, xerando menos residuos e necesitando menos paradas por mantemento".
"A TAXA Á NUCLEAR E A SUBVENCIÓN ÁS RENOVABLES DISTORSIONA O MERCADO CON CRITERIOS IDEOLÓXICOS E TRANSMITE A REDE ELÉCTRICA MAIOR PRESIÓN"
Moito se falou nos días previos ao apagamento, e aínda agora, de que as centrais nucleares aportan 'estabilidade' á rede. Agora ben, que significa exactamente iso de estabilidade dende o punto de vista técnico? Antes de respostar a esta complexa pregunta, Durán Escribano asegura que, "para entender o papel que xogan as plantas nucleares, hai que entender primeiro como funciona o sistema eléctrico nacional e a súa regulación de acordo ás directrices europeas", algo que, segundo confesa, "non é doado". "Basicamente, hai tres niveis: a xeración, o transporte e a distribución, e os tres deben funcionar de maneira solidaria para garantir a estabilidade e continuidade da subministración", explica. "A xeración e a distribución están liberalizadas, de maneira que hai multitude de compañías que venden ou mercan nese mercado", engade. Pola contra, "o transporte a alta tensión (as grandes liñas) están monopolizadas por Red Eléctrica de España (REE), que é a que marca o prezo de mercado mediante unha peculiar subasta á que acoden todas as xeradoras --eólicas, solares, hidráulicas, ciclo combinado, etc.--".
Así as cousas, "nesa subasta, o prezo final vén moi marcado polo custo de xeración da fonte máis cara, para maior beneficio das máis baratas". Deste xeito, "con esta enorme presión económica, REE ten que garantir a estabilidade da subministración, supostamente ao prezo máis baixo, pero obedecendo tamén ás presións políticas", lamenta o catedrátido 'ad honorem' da USC. Neste contexto, como indica, "o mix de consumo, que non coincide co de xeración, é variable, depedendo do que se deu en chamar 'conxunturas'". Chegados a este punto é que Durán Escribano sinala que, "normalmente, no control dunha rede eléctrica, e dende o punto de vista da seguridade do consumo, as fontes estables, como a nuclear, supoñen unha garantía extra aportando o que se chama a 'liña base', á que se van sumando as aportacións das fontes variables que dependen da meteoroloxía, como a solar e a eólica". Finalmente, "axústase a oferta á demanda mediante as fontes variables baixo control, como a hidráulica e o ciclo combinado".
En resumo, segundo explica, "as plantas nucleareas ofrecen estabilidade a un prezo moi baixo, o cal é unha garantía de subministración a bo prezo". "Se non fose por elas, España tería saído moi mal parada da crise do gas ruso, como lle aconteceu a Alemaña", reflexiona Durán Escribano. Entón, cal é o problema coa nuclear? "O problema chega cando o Goberno impón unha taxa á enerxía nuclear e unha subvención ás renovables, distorsionando así o mercado con criterios ideolóxicos e transmitindo a REE unha presión engadida", considera. Así, aínda que cre que "o actual mix de xeración eléctrica español é moi bo, cun 20 % de nucleares aportando unha liña base en boas condicións económicas", tamén sinala que "o incremento anual do consumo de electricidade obriga a un continuo incremento da oferta e a un aumento da capacidade das redes de transporte e distribución, que teñen que reprogramarse ano tras ano".
"SON OS PROTOCOLOS DE SEGURIDADE OS QUE OBRIGAN A QUE UNHA FONTE TAN POTENTE NON SE REINCORPORE Á REDE ATA QUE O SISTEMA POIDA ABSORBELA"
Entre toda a polémica xerada arredor do papel das nucleares durante o apagamento xurdiu a dúbida de por que estas tardaban tanto tempo en volver conectarse á rede eléctrica unha vez quedaran desconectadas co acontecido. Neste senso, Durán Escribano explica que "os reactores Gen II --os que hai en España-- non teñen capacidade de axustar a súa potencia á demanda, como si a teñen os Gen III+", o que significa que "os reactores españois funcionan en modo de 'si' ou 'non' con potencia constante, tardando un tempo, quizáis días, en apagarse ou volverse a acenderse de maneira segura". É por iso que non teñen a capacidade de reconectarse á rede inmediatamente tras un apagamento como o do pasado 28 de abril. Agora ben, tamén advirte de que "isto non quere dicir que estando o reactor funcionando de maneira estable non poida conectarse ou desconectarse da rede de maneira instantánea", pois isto si é algo que se vén facendo de maneira regular cada vez que REE así o require. "Tecnicamente é posible, aínda que economicamente non é aconsellable manter o reactor a tope sen beneficio algún", asegura.
E engade que "son os protocolos de seguridade os que obrigan a que unha fonte tan potente (da orde do GW) non se reincorpore ata que o sistema poida absorbela", o cal, dende o seu punto de vista, non é un inconveniente técnico, senón de coordinación: "Francia ten máis dun 60 % de nucleares no seu mix e funciona perfectamente". "Non se pode falar aquí de seguridade nuclear, senón de seguridade da rede e, neste senso, as nucleares son menos flexibles, porque precisan que haxa outras fontes de enerxía que absorban cambio", resalta. Así, apunta que "cada unha das distintas fontes de xeración que se conectan á rede, sexa a de transporte ou a de distribución, ten a obriga de desconectarse automaticamente cando hai unha caída do nó ao que están conectadas, por seguridade". Este é o caso tamén das nucleares, que se desconectan instantaneamente sen ter que parar os reactores. "Isto faise por unha cuestión básica de seguridade da rede, permitindo así que se solucione a avaría ou a causa que orixinase o corte", afirma o catedrático 'ad honorem' da USC, que destaca que, neste punto, "a vantaxe que teñen as nucleares sobre as renovables é que, como as súas turbinas seguen funcionando, cando volven conectarse seguen estando en fase coa rede".
"DENDE O PUNTO DE VISTA RACIONAL, AS NUCLEARES NON SON, EN NINGÚN CASO, UN OBSTÁCULO PARA O DESENVOLVEMENTO DAS ENERXÍAS RENOVABLES"
Comprendido todo o anterior, para Durán Escribano o mix eléctrico que ten nestes momentos España "é axeitado", cun 20 % de aportación das nucleares. Sen embargo, amósase consciente de que "a demanda de electricidade sofre un forte incremento ano tras ano, ao mesmo tempo que continúa o esforzo para reducir a combustión de materia orgánica, sobre todo dos combustibles fósiles, erradicando o carbón e o gasoil". Deste xeito, defende que "hai que seguir aumentando a implantación das chamadas renovables, pero asumindo tamén a súa variabilidade". En consecuencia, dende o seu punto de vista, "isto obriga a aumentar a grande escala os encoros de bombeo para absorber os picos de xeración/consumo, ao mesmo tempo que se multiplica a capacidade de almacenamento mediante baterías, con todo o que iso conleva". Con todo este escenario enriba da mesa, o catedrático 'ad honorem' de Física Atómica e Nuclear da USC resalta que, "dende o punto de vista racional, as nucleares non son, en ningún caso, un obstáculo para o desenvolvemento das enerxías renovables, nin o serán en moitas décadas".
De feito, asegura que "máis de 40 países, representando a máis da metade da poboación mundial, planifican triplicar a potencia instalada de plantas nucleares nos próximos 25 anos, construíndo reactores de nova xeración, ao tempo que alongan a vida útil dos reactores actuais ata máis aló de 60 anos". "Hai moita intelixencia posta a favor do desenvolvemento da tecnoloxía nuclear e moita cultura do medo posta en contra", lamenta. É por iso que defende que "España non pode quedar atrás". "Ten que superar a actual crise política e pasar a xestionar axeitadamente o financiamento dunha rede eléctrica reforzada, dun almacenamento limpo por bombeo, dun incremento firme das renovables, da extensión da vida das plantas nucleares actuais e da programación de novas plantas, de aquí a 15 anos, para poder chegar ao control e diminución do quencemento global o antes posible", asevera Durán Escribano, que advirte imperativamente de que "é urxente facelo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.