Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2025 | Actualizada ás 17:27
As Asociacións pola defensa das rías de Pontevedra (APDR) e Arousa (PDRA) xunto á Plataforma Ulloa Viva presentaron a convocatoria da 'Marcha contra as celulosas', que se celebrará o domingo 1 de xuño ás 12.00 horas. Serán dúas manifestacións que partirán simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra para confluír ante a fábrica de Ence en Lourizán. Ademais haberá unha comida popular e un concerto na Alameda de Pontevedra.
Este luns en rolda de prensa, o presidente da APDR, Antón Masa, destacou que este ano a marcha ten "carácter nacional" porque a oposición contra Ence e Altri é parte da "mesma loita" contra un modelo industrial "franquista" que "vai destruír o modo de vida baseada na explotación racional dos recursos agrícolas e pesqueiros" e impactará negativamente sobre o turismo ligado ao Camiño de Santiago.
O presidente da APDR tamén sinalou as similitudes entre ambos os proxectos, xa que, apuntou, "Ence destruíu os recursos pesqueiros e promoveu a eucaliptización masiva", mentres que Altri "esnaquizará a terra agrícola e pasteiros" ademais de pór en "serio risco" os recursos pesqueiros e marisqueiros da ría de Arousa. Así mesmo, Mónica Cea, representante de Ulloa Viva, explicou que tras o anuncio da Declaración de Impacto Ambiental sobre Altri e ante a inminente autorización ambiental integrada, consideran que é momento de saír á rúa para reclamar respecto ao territorio e á veciñanza.
A representante de Ulloa Viva informou tamén sobre a campaña de financiamento colectivo aberta pola plataforma para a recadación de diñeiro para poder exercer tantas accións administrativas como xurídicas necesiten co fin de parar o proxecto que a multinacional lusa quere instalar en Palas de Rei.
Por último, Anxo Villanueva, da PDRA, fixo un chamamento a participar na marcha con máis motivo este ano porque vai contra as celulosas: "a que xa existe e a que aínda non existe, esperando que non exista nunca". Subliñou que a ría de Pontevedra está moi danada pola celulosa de Ence e a de Arousa tamén o estará "se Altri chega a funcionar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.