A Xunta, condenada a indemnizar aos feridos dun accidente tras chocar cun xabaril

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta a indemnizar a dous ocupantes dun vehículo e á aseguradora con 38.800 euros polos danos persoais e materiais ocasionados nun accidente de circulación provocado por un xabaril o 26 de outubro de 2015 na estrada PO-205, no termo municipal de Silleda.

A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TSXG conclúe na sentenza que a Xunta debeu instalar sinalización que advertise do perigo que representaba "a frecuente presenza das especies que son obxecto de caza".

En concreto, o fallo recolle que, cos datos que se manexaban, "non é difícil deducir a existencia de perigo de presenza frecuente de animais en liberdade na calzada, polo que resultaba obrigada a sinalización".

Así, a sala asegura que era "máis que previsible" a irrupción na estrada de animais soltos en liberdade porque está situada nas proximidades dun terreo cinexético no que teñen lugar batidas de jabalíes.

Ademais, tivo en conta os sinistros derivados de atropelos de animais que se produciron na zona, pois en 2015 rexistráronse tres; e en 2012 e 2014, outros dous. A sala subliña que a Xunta incumpriu "os estándares mínimos de seguridade esixibles respecto dos usuarios da vía".

O tribunal resalta que "non existe base algunha" para considerar ao condutor do automóbil corresponsable do accidente, pois "nin se menciona nin existe no expediente proba que demostre que conducía sen temperarse ás circunstancias de vía mollada e reducida visibilidade". Como consecuencia, rexeita no fallo rebaixar o importe da indemnización.

Xabaril na estrada. EUROPA PRESS - Arquivo
Xabaril na estrada. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta