O ecosistema

Temos malia todo un amplo espectro mediático, fallan as sinerxías.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/02/2019

Comparte esta noticia

No mes de xaneiro Sermos anunciou que acadaran o mínimo de presubscriptores para poder lanzar de novo un diario en papel en galego a finais de ano. É sen dúbida unha boa nova, non hai un xornal en galego desde que O Correo Galego-Galicia Hoxe o levara a crise, como por outra parte levou por tamén diante nuns meses aos máis chorados A Nosa Terra e Vieiros así coma tamén o bilingüe Xornal.

Sorprende nembargantes esa obsesión polo papel. Certamente en termos de dignidade coma galegofalantes ter un xornal en papel é importante. Por exemplo, o outro día publiquei por primeira vez unha columna en La Voz de Galicia. Unha carambola que veu a través da xenerosidade doutros compañeiros que tamén traballan en Bruxelas e vencellada ás miñas obrigas profesionais. Pois o conto é que nunca tanta reacción tiven de amigos , coñecidos e demais, moito máis ca polas columnas moito máis ben armadas que a xentileza de Galicia Confidencial me permite publicar cada mes.  Por moita chirigota de se me pasei ao lado escuro ou chanzas similares a reacción amosa que o papel aínda importa.

Os medios tradicionais importan polo prestixio que aínda teñen pero sobre todo polo valor de marca e os recursos dos que malamente aínda dispoñen. A satisfacción dalgúns polas reestruturacións nos medios tradicionais ou os problemas cos bancos que este mes pasado coma moitos anteriores documenta GC non deberían ser motivo de satisfacción. Ningún dos novos medios dixitais galegos ten (aínda) a cobertura dun Correo, unha Región ou dun Faro, tanto en número de novas por día como en variedade de temas cubertos. E é que a prensa territorial que hai en Galicia ou no resto do estado contrasta coa de boa parte do resto de Europa, que de tan local que é fala de gatos que se subiron a árbores. O serio só sae na prensa da capital. Aquí fálase do AVE que non chega e tamén da guerra de Siria. Pódenos gustar a liña editorial ou non, pero ao igual que as caixas, a súa desaparición suporía unha perda de capital social moi difícil de reparar.

Esta semana pecharon o derradeiro quiosco que me quedaba, xusto diante da casa. Entre as dúas paradas de metro onde había cinco hai cinco anos agora non hai ningún. E iso na capital de Europa onde sobra diñeiro e xente con formación media-alta. O que quedaba sobrevivía por vender a ruidosa prensa turca (unha sociedade moito máis pegada aínda ao papel), tabaco e chuches. Vendía El País, que aínda hoxe se pode atopar en calquera quiosco en Bruxelas (antes da crise tanto La Vanguardia, ABC, El Mundo tamén tiñan unha edición Europa, como cando La Voz tiña unha edición Madrid e o Progreso se atopaba por calquera quiosco de Barcelona). Pero o caso é que mesmo téndoo diante da casa mercábao nos fin de semanas e ultimamente nin iso: polas miñas obrigas familiares e profesionais érgome moi cedo, polo que para cando saio pola porta xa lle din unha volta aos xornais. En Galicia a cousa é algo diferente pola cultura que hai de ir ler o xornal ao bar pero os datos da OJD son estarrecedores.

Emporiso non sorprende que logo de case 20 anos de ofrecer contidos gratuítos este semelle ser o ano da fin do todo gratis na prensa do noso entorno: a Voz subirá un muro de pago nesta primavera e semella que El País, ABC sigan a estela de La Vanguardia ou entre nós o Faro. Seguindo a estela da prensa francesa e portuguesa. Algo moito máis doado de facer na prensa autonómica pola cobertura local que só algúns destes medios se poden permitir. No 2004 El País xa o intentara pero el Mundo non lle deixou. Cada vez que botan a un director de xornal de papel sae un medio dixital, e ante a competencia, sobre todo en Madrid, imponse a ditadura do “clickbait”: se ben sacan algunhas exclusivas que antes coa lei do silencio dos grandes medios non sairían, isto contribúe maiormente á polarización da vida política.

Por iso que o futuro da prensa e por tanto da democracia precisa de estratexias máis subtils que aferrarse ao papel ou abandonarse á cacofonía dixital. Portugal é un exemplo de excelente prensa (aínda máis ca no noso caso foi sempre un produto das élites) e os experimentos que ten feito o “i” en papel, o excelente dixital “O Independente” (primeiro gratis e agora de pago) coma os esforzos transmedia do “Público” e “Expresso” son, cos seus acertos e fallos, exemplos moito máis avanzados co que se ten tentado entre nós.

O mes pasado invitáronme a intervir no congreso Think Europe en Soria. Ademais da excelente acollida, tanto polos anfitrións coma polos outros actores da sociedade civil, constátase unha sorprendente vivacidade. Teñen tres diarios nativos dixitais, dous semanarios en papel (o excelente El Dia de Soria, de pago) ademais dunha canle provincial (parte da rede autonómica público-privada), unha canle TV por internet, unha emisora da SER amais do Diario de Soria (unido desde hai un ano á outra cabeceira promovida polo Heraldo) que ten un arranxo con El Mundo semellante ao do Correo. Todo para unha provincia de 90.000 habitantes.  Se ben é de supor que en tanta abundancia teña algo que ver que autonomía e provincia teñan cores diferentes, tamén amosa que o medio dixital ofrece maiores posibilidades ca no tempo do dominio dos medios industriais. Como cando hai pouco máis dun século anos unha vila coma Redondela tiña dous xornais.  Pero o caso de Soria amosa algo máis: polo problema grave de despoboamento que están a sufrir existe un consenso básico sobre cales son seus retos colectivos. Como a crise demográfica está xa a tocar óso, xa pasaron da fase de vivir da automitificación e en crer en entelequias varias. Como resultado dese saudable escepticismo ás solucións milagreiras os medios expresan unha grande diversidade de opinións á vez ca unha vontade de atopar solucións colectivas cun grao de cainismo moito menor ca noutros lugares.

É esa tensión entre competencia e colaboración que é necesaria para a creación dunha opinión pública e publicada saudable. Volvendo ao caso galego, contamos cun semanario en papel, tres dixitais de referencia,  dúas revistas mensuais (tres contando a ECO) sen contar produtos máis elitistas ou de periodicidade maior coma A Trabe de Ouro , a senlleira Grial, o tecnolóxico Código Cero ou Tempo Exterior. Nada mal, estados soberanos  europeos do mesmo tamaño non teñen moito máis e certamente non de mellor calidade. E iso sen falar dos medios máis locais coma Novas do Eixo Atlántico (antiga A Peneira outros dos defuntos e renacidos heroes da nosa prensa coma a nova Anosaterra), Que Pasa na Costa, e o resto de xornais locais en parcería con GC. E xa non falamos dos xornais históricos, cabeceiras bilingües, dixitais ou non (coma pontevedraviva). E sen contar as moitas editoriais amais das dúas grandes. Todo isto malia o tsunami de 2011.

E malia toda esta relativa abundancia non temos masa crítica. Hai vida na prensa galega pero non hai ecosistema. Son iniciativas illadas, unhas veces por vontade, outras por necesidade, outras pola súa especificidade. O caso é que nun clima estruturalmente hostil e cun público potencial artificialmente reducido isto é un grande risco sistémico. Non se trata de argumentar que sería mellor eliminar este minifundismo e crear un gran medio ou grupo mediático. Xa vimos que ben lle foi á prensa oficial por ir nese camiño de servidume. Trátase de buscar sinerxias e apoiarse mutuamente. Por exemplo, como é posible que apenas houbese eco nos outros medias o recente lanzamento de Crónicas De Schrödinger, o enésimo intento tras Golfiño, Galimatías, BD Banda ou Retranca por ter unha revista de banda deseñada galega? Ou que un tivese que atopar por casualidade en internet a existencia da Revista Biblos auténtico equivalente en galego a Circulo de Lectores?  Existe por suposto a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) pero está máis ben configurada como un grupo de presión e non coma un proxecto empresarial que cree sinerxías, promocións e campañas transmedia. Hai casos aillados de alianzas como pode ser o Consorcio Editorial Galego, ou o fenómeno transmedia que son Os Bolechas de Pepe Carreiro. Os recursos existen pero ailladamente xestiónanse de xeito ineficaz.

É coma cando os grupos de rock bravú se atoparon gravando en Euskadi sen saber que existían outras bandas semellantes no país. Daquela unha das maiores oportunidades para crear unha industria musical comercial perdeuse coma outras veces. Coma co folk na década seguinte, ou o fenómeno Resentidos na anterior.

Este mes pasado  déronlle un Goya ao xenial Luís Zahera cando se cumpren 20 anos de Mareas Viva e onde desde daquela nin a el nin a Miguel de Lira (e que tamén fora protagonista do excelente telefilme Entre Bateas) o vemos na TVG e teñen que triunfar no cine e televisión madrileños. Ou que nese Goya lle deran unha morea de premios técnicos á espectacular produción con actores, localización e dirección galega ambientada nos anos 20 de...Barcelona. Se ben nada disto tería surxido sen o ecosistema que sí xerou a TVG, para nada estamos preto do potencial que o noso contexto permite.  Estamos a perder esperanza de que Morris e Uxía Blanco non se fagan demasiado maiores para interpretar sendos biopics sobre Castelao e Rosalía.

E conscientemente evitamos falar hoxe das subvencións. Non porque non sexan un problema senón porque os galegos temos demasiada tendencia a polas coma xustificación para a acción e a inacción. Todo este vizoso mundo mediático que malia todo aínda temos pode e debe vivir co seu propio pé, aínda que para iso haxa que loitar contra os  eternos demos interiores galegos. A independencia é a capacidade de decidir por un mesmo. Pero ás veces á independencia só se chega pola interdependencia.

Viñeta de López - Subvencións a medios
Viñeta de López - Subvencións a medios

A Xunta destina millóns de euros en subvencións aos medios galegos
A Xunta destina millóns de euros en subvencións aos medios galegos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos