Animalistas esixen controis antidopaxe nos campionatos de caza en Galicia

A lei de caza recolle como "infracción moi grave" que os cazadores participen "baixo os efectos do alcol ou de estupefacientes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Os animalistas reclamaron á Xunta de Galicia e ao Consejo Superior de Deportes que efectúen controis antidopaxe aos cazadores durante a celebración dos campionatos. A Asociación Animalista Libera! e a Fundación Franz Weber aludiron á lei de caza de Galicia de 2013 que recolle como "infracción moi grave" que os cazadores participen "baixo os efectos do alcol ou de estupefacientes".

Imaxe dun cazador. LIBERA E FFW
Imaxe dun cazador. LIBERA E FFW | Fonte: Europa Press

Así, sinalaron que o artigo 63 sobre "seguridade nas cazarías" especifica que "se prohibe a caza baixo a influencia de estupefacientes, alcol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga".

A normativa recolle que se trata dunha "infracción de carácter moi grave" que se pode sancionar con "ata 30.000 euros" e con "a posibilidade de retirada da licenza de caza por un máximo de dez anos".

No entanto, denunciaron que non teñen constancia "de ningún control e proba de detección" por parte da Xunta ou o Consejo de Deportes "a pesar de considerar a caza como unha actividade deportiva".

Os animalistas puxeron como exemplo os feitos denunciados por activistas durante a celebración do campionato de caza de raposos do 12 de xaneiro, no que, segundo eles, "os participantes bebían dunha bota de viño, o que supón non só esta infracción, senón un perigo para calquera persoa".

Apoiados na lei de transparencia, ambas as asociacións avanzaron a súa "disposición" para realizar "senllas solicitudes de información, tanto ao Executivo galego como ao Consejo Superior de Deportes para coñecer que accións ou medidas se tomaron".

Por último, indicaron que "o corpo de axentes facultativos ambientais sería un primeiro aliado no control e inspección, ao que debería sumarse de forma ineludible a Garda Civil".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta