Temas: GONORREA SAúDE

Galicia ten unha das taxas máis baixas de gonorrea en España

Nun ano aumentaron case un 25% as infeccións por gonorrea en todo o Estado, un 222% nunha década.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/02/2019 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

Galicia situouse como unha das comunidades autónomas con menos casos rexistrados de infección gonocócica ou gonorrea, con 148, o que supón 5,4 por cada 100.000 habitantes, segundo o último informe de Vixilancia Epidemiolóxica das enfermidades transmisibles, publicado polo Centro Nacional de Epidemiología.

Gonorrea, Neisseria gonorrhoeae. FLICKR/PUSH0K - Arquivo / Europa Press
Gonorrea, Neisseria gonorrhoeae. FLICKR/PUSH0K - Arquivo / Europa Press

En España notificáronse en 2016 un total de 6.456 casos, un 24,87 por cento máis que un ano antes cando se produciron 5.170 casos, e un 222 por cento máis que en 2005, cando se notificaron 1.155 casos.

En datos de afectados por poboación, a incidencia en 2016 —último ano rexistrado pola institución dependente do Instituto de Salud Carlos III— supuxo 13,89 casos por 100 mil habitantes, superior ao ano previo que foi de 11,14 casos por 100 mil, e ao 2014 cando a incidencia era de 9,82 casos por 100 mil.

Todos son datos alarmantes comparándoos cos 5,01 casos de 2010 e os 2,66 por cada 100 mil habitantes de 2005.

Aínda así o número de infeccións é menor á media europea, que se establece en 20 casos por 100 mil persoas, segundo o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades. Por tanto, non só España sufriu un preocupante aumento de casos, toda Europa viuse afectada. En datos xerais, a media duplicouse desde 2008, cando a taxa era de 8 infeccións por cada 100 mil habitantes.

Os expertos non teñen dúbidas, os datos mostran un incremento continuo e alarmante de casos de gonorrea. Os motivos, segundo explica o doutor Jorge del Romero, membro da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbiología Clínica (SEIMC), son un maior diagnóstico, grazas á "mellora das probas" e, innegablemente, un aumento das prácticas sexuais de risco, promovidas pola "perda de medo á sida" e "ao uso de drogas que reduce a percepción do risco no sexo".

CASOS POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS

En canto á incidencia por Comunidades Autónomas, obsérvanse rangos moi distantes entre elas. Así, as taxas máis elevadas rexistráronse en Cataluña con 2.147 (28,97 casos por cada 100 mil habitantes), Asturias con 292 (28,14), Madrid con 1.519 (23,58), e Baleares con 181 (15,8).

Por baixo, Comunidade Valenciana con 633 (12,7), País Vasco con 219 (10,1), Navarra con 61 (9,5), A Rioxa con 28 (8,8), Canarias con 182 (8,4), Andalucía con 724 (6,2), Aragón (6), Galicia con 148 (5,4), Cantabria con 26 (4,3) e Estremadura con 30 (4,1). Mentres, pechan Castela e León con 52 (3,5), Melilla con 3 (3,5), Castela-A Mancha con 87 (2,5) e Murcia con 30 (2,04). Só Ceuta non notificou ningún caso.

Estes datos poden dar unha idea da magnitude do problema, que todo apunta será peor en 2017, atendendo á información publicada pola Conselleria de Saúde de Baleares alertando de 485 casos de gonorrea, un 66 por cento máis que en 2016.

Os homes son os máis afectados debido ás prácticas sexuais de risco da poboación homosexual ou de homes bisexuais.

Temas: GONORREA SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta