Noriega advirte sobre o fallo xudicial das estatuas do Pórtico: "Dá máis argumentos para os Franco que o seu propio avogado"

Cre que a setnenza é "nesgada" e favorable aos intereses da familia do Ditador. O BNG apoia que o concello presente recurso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou este luns que a sentenza que dá a razón á familia Franco en relación á propiedade das estatuas da fachada do Pórtico da Gloria "se extralimita" e é "nesgada", e confiou en que os fallos das seguintes instancias "non se instalen nun franquismo sen Franco".

En declaracións aos medios tras coñecerse o pasado venres o fallo, Noriega explicou que, desde o concello, acátase a resolución, pero non se "comparte" e que nos próximos días presentarase recurso contra ela. Do fallo, considerou que "dá máis argumentos en favor da familia franco que o seu propio avogado", cuestionando elementos que "nin sequera cuestionou" o seu letrado, como a identificación das pezas ou o documento oficial de compra en poder do consistorio.

En particular, Noriega afeou que a sentenza "cuestione" as achegas de expertos como Ramón Yzquierdo, "un dos maiores especialistas en materia medieval", e reiterou que o concello cre que "ten a razón" e seguirá "pelexando" neste sentido.

"Na medida que entendemos que esta é unha guerra de longo percorrido e que isto só foi unha batalla, tócanos recorrer coa vontade de que a xustiza poida facer xustiza", dixo o rexedor, que lembrou que desde o ámbito municipal xa se daba por feito que este asunto chegaría ata o Supremo.

Para Noriega, tras este fallo hai o "transfondo" de que poida marcar un precedente de reivindicación de patrimonio por parte dunha administración á familia Franco, algo que "posiblemente condicione aos maxistrados". "Pero cremos que temos a razón", sentenciou.

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

APOIO DO BNG

Pola súa banda, a concelleira e candidata á alcaldía do Concello de Santiago de Compostela do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Goretti Sanmartín, mostrou, en nome da súa formación, o apoio ao goberno local para que recorra a sentenza "absolutamente disparatada" das estatuas obra do Mestre Mateo, Isaac e Abraham, que están en posesión do Franco.

Nunha rolda de prensa na mañá deste luns en Santiago de Compostela, Sanmartín lembrou que se trata dunha sentenza recurrible, polo que avogou por "darlle continuidade ao clamor popular" para que as estatuas do Mestre Mateo "sexan bens de dominio público".

A alcaldable nacionalista fixo referencia aos comentarios que se produciron desde que transcendeu a sentenza sobre a posibilidade de que sente precedente, e manifestou que "igual o que se pretendía era dar a idea de que non se pode mover nada, de que todo o que pasou durante o franquismo ten que seguir así". "É unha mensaxe ao que nos opomos de forma clara e contundente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

A demanda era polítuca, non tiña apoiatura xurídica nin facticia. So lles vexo gañando en Arxentina. Unha vez que a Audiencia Provincial, Supremo e Tribunal de Estrasburgo desestimen os recursos e os volvan a condenar en costas pola temeridade das súas pretensións, se presentan o último recurso ante a xuiza María Servini, entón gañan.