En Marea esixe a dimisión de Feijóo por gastar diñeiro público para ir á manifestación de Madrid

Puy cre que o Sánchez debe "tomar nota" da protesta na capital estatal e afirma que a Xunta xa toma decisións para mellorar a sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

Todos os grupos da oposición en Galicia cargaron este luns contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola súa presenza na manifestación convocada por PP e Ciudadanos --co apoio de Vox-- en Madrid en rexeitamento á política de Pedro Sánchez, unha protesta que coincidiu coa celebrada en Santiago de Compostela contra a política sanitaria do Goberno galego.

En primeiro lugar, o portavoz de En Marea, Luís Villares, pediu a dimisión do máximo mandatario autonómico ao considerar que "quen non está onde ten que estar" debe "dimitir". En concreto, Feijóo, que a pasada semana realizou unha viaxe institucional a Nova York, adiantou o seu regreso para poder asistir á marcha convocada en Madrid.

"E se quere ir a Madrid a manifestarse con Abascal --líder de Vox-- que o faga todos os días que queira, pero non pode deixar colgados aos empresarios para ir a un acto de partido en Madrid", denunciou.

Así mesmo, avanzou que a súa formación esixirá no Parlamento toda a información sobre o custo da viaxe realizada polo presidente da Xunta. "Canto nos vai a custar a volta anticipada ao erario público?, Quen vai pagar iso, a Xunta ou o Partido Popular?, preguntou Villares, que sinalou que o "adianto e a cancelación dos actos non tiveron como causa a actividade institucional senón a partidaria".

Ademais, denunciou que mentres tiña lugar a protesta de Madrid, o PAC de Vigo rexistraba o seu "segundo colapso" nun mes pola negativa do Sergas a "cubrir unha ausencia". "Unha vez máis nos atopamos con que un incumprimento flagrante da lei deu lugar a unha desatención dun servizo que é básico para a cidadanía", indicou.

Por iso, urxiu a "dimisión inmediata" do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, tras unha marcha en Santiago que, na súa opinión, foi "clara e contundente". "E iso é o que lle importa á cidadanía de Galicia, a mellora dun sistema sanitario que o conselleiro non foi capaz de realizar", indicou.

CRÍTICAS DO PSOE

Nesta liña, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén avogou polo cesamento do titular de Sanidade ao considerar que, se hai un cambio de políticas, "aqueles que foron encargados de desmantelar o sistema sanitario" non terán "credibilidade" para recuperlo.

Ademais, noutra rolda de prensa, acusou a Feijóo de subordinar a súa acción política a unha "estratexia de partido moi perigosa" despois de haber "instrumentalizado á Xunta" para aprobar unha declaración institucional contra o Goberno central.

Leiceaga referiuse ao regreso "inopinado" do presidente autonómico da súa viaxe institucional e asegurou que "non tivo que ver con atender ás demandas da manifestación en Santiago contra os recortes na sanidade", por "a ruptura das negociacións cos médicos ou para atender o déficit de pediatras ou a falta de ambulancias medicalizadas". Con todo, indicou, a súa volta foi para participar na marcha de Madrid.

"O que fixo --Feijóo-- foi darlle carta de natureza a unha concepción de España, polos compañeiros de viaxe que escolleu, que nega o Estado das Autonomías como unha realidade positiva, afástanos de Europa e ponlle paus nas rodas ás políticas de convivencia e diálogo que tenta impulsar o goberno do Estado", indicou.

"VERGOÑA"

Na mesma liña que os demais portavoces da oposición, a líder do BNG, Ana Pontón, dixo sentir "un pouco de vergoña" de que Feijóo vaia "a facer vulto a Madrid a demostrar a súa subordinación a Casado" e a estar "de ganchete coa extrema dereita" mentres se "esquece de escoitar aos galegos" que en Santiago "deixaron claro o seu profundo malestar polos recortes e a privatización" no Sergas.

"Quero preguntarlle a Feijóo se despois de viaxar durante unha noite desde Nova York a Madrid para salvar a España en 15 minutos, facerse selfies coa extremaderecha e bailar eses pasodobres de Manolo Escobar, se vai ter tempo para escoitar aos miles de galegos que de novo saíron á rúa para demandar que non se esnaquice a sanidade do noso país", expresou.

E é que, ao seu modo de ver, a xornada do domingo "deixou bastante claro cales son as prioridades de cada un", xa que mentres miles de persoas pedían en Santiago un "cambio de rumbo na política sanitaria" da Xunta, o seu presidente estaba "a 600 quilómetros", "lonxe do sentir dos galegos que non ven reflectidos nese extremismo ao que está entregado o Partido Popular".

Por todo iso, Pontón insistiu en reclamar o cesamento do actual conselleiro de Sanidade "porque alguén ten que ser responsable do desastre e tense que mostrar vontade de rectificación real desas políticas". Ademais, reiterou a necesidade de convocar as 6.067 prazas no Sergas que faltan, de acordo ás súas cifras, así como un plan de mellora da atención primaria dotado, "como mínimo, con 200 millóns de euros" para este ano.

Precisamente, á presenza de Feijóo na marcha de Madrid tamén se referiu este luns o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, quen, nunha entrevista na TVG, criticou que o presidente galego preferise estar nunha manifestación da "man da Falanxe e Vox" que "cos médicos e cidadáns".

RESPOSTA DO PPDEG

Ante as críticas, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy quixo erixir as protestas da capital española nunha "forma de expresión" da sociedade e un "toque de atención" ao Goberno de Pedro Sánchez, que cre que "debe tomar nota" ante a "necesidade de corrección" das súas políticas con respecto a Cataluña.

Preguntado sobre se, por mor da convocatoria deste domingo, o PP vese cómodo sumando forza con partidos como Vox, Puy respondeu que está  "cómodo" defendendo "a Constitución" e o Estado das Autonomías, que implica "solidariedade e a unidade de España". Así mesmo, lembrou que a manifestación foi unha convocatoria "que fixo o Partido Popular" e á que "se sumaron" o resto de forzas.

Tras pedir En Marea a dimisión de Feijóo ao cambiar a súa axenda institucional en Estados Unidos e acudir a Madrid, o portavoz do Grupo Popular ironizou con que haberá que "precisar que significa" pedir a dimisión "na linguaxe das mareas". "O señor Villares, cando pide dimisións, entendo que ten o mesmo efecto que cando as piden a el ou non" o sector crítico do partido instrumental, chanceou, en referencia ao conflito interno da organización.

Ademais, Puy tomouse "con certa sorna" esta petición de cesamento do presidente da Xunta: "dicía que era unha viaxe case privada e agora, porque se adiante unha hora o regreso sen afectar á axenda de contactos, vénnos a dicir que se fixo un gran incumprimento do enorme deber institucional que hai unha semana non era tal cousa".

En canto á manifestación pola sanidade pública en Santiago, o popular valorou que a Xunta "está a tomar decisións a longo prazo" para "mellorar" o sector. "Tamén é normal que a oposición pida a dimisión do conselleiro, o raro sería que o felicitasen", engadiu.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

Manifestación da Coruña en contra de Cataluña e de Sánchez
Manifestación da Coruña en contra de Cataluña e de Sánchez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta