Urxen convocar unha Mesa do Leite tras perder máis de 7 millóns en decembro

O Sindicato Labrego critica o papel das Organizacións de Produtores na negociación de prezos, cuxo labor tachan de "cero á esquerda"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) pediu que se convoque de modo urxente a Mesa do Leite, con representación de industrias, distribución e organizacións agrarias tras perder máis de sete millóns de euros no mes de decembro.

Nun comunicado, o SLG informou de que a mesa debe "abordar a crise crónica de prezos que arrastran as granxas galegas antes de que comece a nova campaña o 1 de abril e antes de que se asinen os contratos á baixa".

O SLG mostrouse en desacordo coa "visión idílica da Consellería do Medio Rural, que destacou o incremento da facturación das granxas nun 16 por cento en 2018 con respecto a 2016". Segundo o sindicato, trátase dun "dato tramposo", tendo en conta que "desde 2016 incrementouse a produción e, por tanto, as vendas", pero apunta que, naquela época, 2o sector padecía aínda una das súas peores crises de prezos".

Ademais, criticou que a Consellería non adoptase "ningunha iniciativa para facer fronte a este problema" e, do mesmo xeito, alertou que os datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Feaga) sobre o prezo medio do leite en decembro de 2018 "confirman o estancamento das granxas no peor valor do Estado e nun dos peores da Unión Europea", ao situarse en 31,70 céntimos.

Así, sinalou que o prezo medio de Galicia caeu dous postos con respecto ao mes de novembro, e que na Unión Europea "só hai peores prezos en Romanía, Bulgaria, Lituania, Hungría e Letonia".

CRÍTICAS AO PAPEL DAS OPS NA NEGOCIACIÓN

O Sindicato Labrego criticou o papel das Organizacións de Produtores (OP) na negociación dos prezos, cuxo labor considera "un cero á esquerda" dende que se creou esta figura no 2012. 

Así, o SLG asegurou que "só serviron, ata agora, para captar abundantes subvencións a conta do erario público e non facer nada". Nesta liña denunciou que "nin sequera informan as granxas", que "nunca recibiron ningún tipo de informe nin foron convocadas a ningún acto informativo para coñecer que se está negociando no seu nome".

Protesta dos gandeiros polo baixo prezo do leite
Protesta dos gandeiros polo baixo prezo do leite | Fonte: RTVE

No comunicado, o SLG aseverou que "seguir confiando nas organizacións de produtores para este labor será seguir queimando diñeiro público para non facer nada". Por iso, o sindicato insistiu en que "o único foro onde as granxas poden negociar os prezos debe seguir sendo unha Mesa do Leite onde estean representadas a industria, a distribución e as organizacións representativas do sector"


"O PLAN ESTRATÉXICO SERÁ INÚTIL SEN MELLORA DE PREZOS"

O SLG admitiu que o Plan Estratéxico do Sector Lácteo anunciado polo conselleiro do Medio Rural, José González, "pode ter elemento positivos se se fai en consenso co sector e as súas necesidades". No entanto, advertiu que "calquera plan para o sector lácteo será inútil se non se traballa de maneira seria e decidida a mellora dos prezos en orixe".

Ademais da Mesa do Leite, o SLG apuntou accións que poden axudar e que "dependen da vontade da Consellería", como "presionar ao Ministerio de Agricultura para que a lei protexa as granxas dos abusos e imposicións das industrias", así como "axudar á realización de estudos serios e obxectivos sobre os custos de produción que axuden á hora de negociar e fixar prezos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta