Ence quere renovar as masas de eucalipto de máis de trinta anos para obter máis madeira

A compañía lanzou unha iniciativa con bonificacións no prezo da madeira e obsequio de plantas de eucalipto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

Ence lanzou unha iniciativa para favorecer a renovación das masas de eucalipto de máis de trinta anos, aquelas que xa superaron a súa fase de maior crecemento. O obxectivo desta nova campaña, que inclúe bonificacións no prezo da madeira e obsequio de plantas de eucalipto, é contribuír a un "desenvolvemento económico e social sustentable", logrando que da mesma superficie forestal se obteña máis madeira e se xere máis emprego no medio rural.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

O programa 'Tes un monte de eucalipto de máis de 30 anos' entrou en vigor a comezos de febreiro, e estenderase ata o 30 de xuño do presente ano. Durante este período, Ence ofrece unha prima adicional de sete euros por tonelada por enriba das tarifas actuais pola madeira de eucalipto procedente de parcelas nas que, polo menos, un de cada dez árbores teña un diámetro de 70 centímetros ou máis na súa base.

Adicionalmente, entregaranse catro plantas de eucalipto por tonelada, para facilitar a repoboación forestal, contribuír na mellora da xestión e reducir o abandono dos montes. Esta iniciativa aplícase tanto en Galicia como en Asturias.

A especie globulus de eucalipto alcanza a súa madurez entre os 12 e 16 anos, momento tras o que empeza a retardar o seu desenvolvemento. É o momento óptimo para aproveitar a madeira obtendo unha produción máxima ao longo do tempo. Atrasar a curta da árbore leva a perda de produtividade e, en consecuencia, diminúe o rendemento que ofrece o terreo a longo prazo, atrasando ademais o momento de obtelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gustavo

Este artigo, no fondo, parece unha promoción de ENCE, porque só repite os seus argumentos e difunde a sua oferta. E non é certo que un eucalipto de 30 anos valga o mesmo que un de 50. O de 50 vai valer moito máis, depende do diámetro e da altura, porque os desa edade valen para as bateas, por exemplo, e páganse moito máis, e sí que medran entre os 30 e os 50 anos, por exemplo. Por certo que xa non van quedando desta edade, precisamente porque a xente non espera xa para cortalos. E as bateas dentro dun par de décadas xa non terán madeira para facelas, terán que ir a materiais sintéticos (e peores).