Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 13/02/2019 | Actualizada ás 14:44
A presidenta da Deputación de Pontevedra e primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, saíu ao paso das críticas de PP e Marea, que esixiron responsabilidades políticas pola sentenza que condena a un funcionario vigués por 'enchufar' á cuñada de Silva nunha concesionaria municipal, e subliñou que ese "tema" non ten "nada que ver" con ela.
En declaracións aos medios en Pontevedra, Silva proclamou que este mércores é "a primeira e última vez" que se pronuncia sobre esta cuestión que "nada" ten que ver con ela. A ese respecto, lembrou: "Eu na miña vida estiven imputada, nin investigada, nin sequera fun chamada a declarar como testemuña".
Por iso, retou a quen "dubide" da súa "honorabilidade" e da súa "traxectoria intachable" a acudir aos xulgados: "Xa saben onde teñen que ir, e alí verémonos". Sen facer mención á sentenza (que ve probado un plan "con obxecto de beneficiar economicamente a V.F.B., persoa vinculada familiarmente a un membro da Corporación Municipal de Vigo"), a presidenta da Deputación vinculou as críticas, especialmente as do PP, con "xuízos paralelos" que "son algo propio do fascismo".
ESTRATEXIA DE "DIFAMACIÓN" IDEADA POR FEIJÓO E RUEDA
Así, denunciou a "estratexia de difamación, de mentiras tóxicas, de confrontación total, de tentar acabar co adversario político tal e como se estivésemos nunha campaña bélica" do PP.
Segundo Carmela Silva esta "estratexia terrible" do Partido Popular "idéase nos despachos escuros do señor Feijóo e do señor Rueda" e sinalou que é unha táctica "propia de xente que ten pouca calidade democrática". Así mesmo, engadiu que se debe "a que están desesperados pola brutal caída electoral e xa lles vale todo".
Silva reiterou que non volverá falar deste asunto porque debe dedicarse a "gobernar para a xente" e seguir construíndo "unha nova Deputación que rompa con aquela Deputación dos caciques da política clientelar, e que converteu á Deputación de Pontevedra nunha administración da que avergoñarse".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.