O comité de folga de Urxencias do CHUS asina a desconvocatoria de paro

Decidírono así tras a votación sobre a proposta da xerencia, que se saldou con 100 votos a favor e 48 en contra. O sindicato médico O'Mega seguirá adiante coa folga para demandar máis profesionais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O comité de folga de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) asinou este martes a acta de desconvocatoria do paro no servizo logo dunha reunión mantida coa xerencia compostelá.

Segundo informou o comité de folga de Urxencias, formado pola comisión de centro, a firma da acta de desconvocatoria da folga do servizo prodúcese tras a reunión mantida coa xerencia compostelá ás 9,30 horas.

"A desconvocatoria obedece ao sentir dos traballadores do servizo, que así o manifestaron mediante votación en urna o pasado 15 de febreiro, por 100 votos a favor da proposta da xerencia e 48 en contra", indicou o comité.

Desde o pasado 12 de novembro ata este martes, cando se cumpriu a décimo quinta semana de folga, foi "un longo camiño o percorrido xunto aos traballadores de Urxencias e demais persoal da sanidade, como quedou patente non só nas mobilizacións que se fixeron todos os luns, senón tamén o pasado 9 de xaneiro na manifestación".

O comité de folga agradece aos traballadores, persoal dos distintos servizos, colectivos, asociacións e sociedades en xeral, que estivesen "pendentes deste conflito", xa que entenderon "que non se reclamaba diñeiro, senón un beneficio colectivo para a sociedade".

Pola súa banda, o sindicato médico O'Mega decidiu este luns seguir coa folga no servizo de Urxencias do CHUS para demandar máis profesionais e espazo.

Unha das concentración dos traballadores de urxencias do CHUS en Santiago. COMITÉ DE FOLGA DO CHUS
Unha das concentración dos traballadores de urxencias do CHUS en Santiago. COMITÉ DE FOLGA DO CHUS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta