Sanidade pide un acordo entre empresarios e traballadores de ambulancias "polo ben do servizo público"

"Non podemos entrar neste diálogo porque non somos parte interesada", xustificou Vázquez Almuiña, que insistiu en que era un conflito "laboral" entre patronal e empregados. Por outra banda, instou a seguir traballando para solucionar o conflito dos PAC, logo de que os profesionais rexeitasen as medidas do Sergas

Por E.P. | PONTEVEDRA | 19/02/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, instou este martes aos empresarios e traballadores de ambulancias en Galicia a "chegar a acordos polo ben do servizo público" que prestan.

Con motivo dunha visita ás obras de reforma e ampliación do centro de saúde da Illa (Pontevedra), Almuiña referiuse á situación do sector do transporte sanitario, no que está en vigor unha folga intermitente. "Hai un conflito entre traballadores e empresas", asegurou o titular de Sanidade, quen lembrou que "o Sergas ten un contrato cun grupo de empresas de ambulancias" para insistir en que se trata dun "un problema a nivel laboral".

Ambulancia en Galicia con pintadas durante a folga no sector.. FEGAM
Ambulancia en Galicia con pintadas durante a folga no sector.. FEGAM | Fonte: Europa Press

"Non podemos entrar neste diálogo porque non somos parte interesada", xustificou o conselleiro despois de que os empresarios pedisen á Administración sanitaria galega que faga pública a contía do novo concurso para poder negociar cos sindicatos.

Almuiña lembrou que o Sergas buscou a mediación por parte de Relacións Laborais. "Conseguimos que por fin sentasen a negociar", destacou o conselleiro. Destacou, ademais, que este luns se celebrou unha reunión en Santiago "na que cambiaron as propostas das empresas".

"Pido a ambas as partes que traten de chegar a acordos polo ben do servizo público que están a desempeñar", afirmou Almuiña, que matizou que se trata de "un servizo moi sensible para os cidadáns" que precisa de solucións "canto antes".

TRABALLADORES DOS PAC

Por outra banda, Almuiña tamén apostou por "traballar" para conseguir "acordos" cos traballadores dos Puntos de Atención Continuida (PAC), tras concluír o luns pola tarde a negociación cos sindicatos en Mesa Sectorial.

Logo de que os empregados dos PAC galegos rexeitasen este luns o borrador de medidas proposto polo Sergas, Almuiña asegurou: "Propuxéronnos 11 puntos e en nove estamos de acordo". Así mesmo, lembrou que "houbo unha abstención grande".

"Podemos traballar para chegar a ese consenso", insistiu o conselleiro, quen admitiu que existen "unhas diferenzas". Con todo, insistiu en que se trata duns "magníficos traballadores", polo que confía "en breve" poder chegar a acordos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta