A Xunta achegou "datos" sobre o xulgado de Pilar de Lara tras o expediente aberto contra ela

Alfonso Rueda confirma que a Administración autonómica achegou información "obxectiva", porque son "os responsables dos medios materiais" e desa sala

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, confirmou que a Administración autonómica achegou "datos" sobre o xulgado nº1 de Lugo, no marco do expediente disciplinario aberto polo Consello Xeral do Poder Xudicial ( CGPJ) á xuíza Pilar de Lara por dilacións indebidas.

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara

Nun acto celebrado este mércores en Lugo e ao ser preguntado polas declaracións da xuíza, que asegura que non se lle provía de medios materiais e humanos, Rueda limitouse a sinalar que "é unha estratexia de defensa". "E nós aí non imos entrar", apuntou.

A fío disto, confirmou que á Xunta se lle preguntou a este respecto. "E achegamos os datos que nos pediron e supoño que eses datos serán tidos en conta por quen está tramitando o expediente á hora de resolver", indicou.

"Pídensenos datos obxectivos, e eses datos obxectivos foron os que achegamos, igual que no resto de xulgados de Galicia, acerca de todo o que se estaba poñendo. Somos os responsables dos medios materiais e por tanto este xulgado (o número 1 de Lugo) tamén se estaba atendendo", precisou Rueda, que incidiu en que "hai un expediente en tramitación" e que a Xunta achegou os datos que lle foron solicitados nese contexto.

O expediente, aberto polo Consello Xeral do Poder Xudicial, está agora pendente de que se resolva o recurso presentado por Pilar de Lara pola denegación de probas que impuxo o promotor da acción disciplinaria.

A xuíza leva macrocausas como a Carioca, sobre redes de prostitución; a Pokémon, sobre corrupción política; ou procesos como o do Garañón, relacionado co urbanismo da cidade de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta