Denuncian dúas sabotaxes no servizo de saneamento de auga en Pontevedra

A empresa Viaqua denunciou ante a Policía Nacional as sabotaxes sufridas na Estación Depuradora dos Praceres e un punto de bombeo de auga residual na avenida de Buenos Aires de Pontevedra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A empresa Viaqua denunciou ante a Policía Nacional as sabotaxes sufridas na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres e un punto de bombeo de auga residual situado na avenida de Buenos Aires.

Viaqua xestiona a depuradora dos Praceres, que trata as augas de Pontevedra, Marín, Poio e Bueu, e é tamén a concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra. Segundo consta na denuncia, as sabotaxes tiveron lugar o sábado 16 de febreiro sobre as dúas da madrugada.

Nun dos casos cortáronse uns cables eléctricos do motor, saltando a alarma no telecontrol da EDAR dos Praceres, na parroquia de Lourizán. Nese momento, observaron que as dúas reixas de desbaste estaban paradas e non se podía volver pór en funcionamento.

Posteriormente, detectouse outro salto de alarma nun bombeo de auga residual situado na avenida de Buenos Aires. O cadro de manobra estaba forzado e un dos cables de alimentación dunha das bombas estaba cortado, o que provocou que esta se queimase. O persoal de garda de Viaqua solucionou estes problemas no momento, polo que non tiveron repercusións no abastecemento ou a depuración.

CON NORMALIDADE

A Consellería de Infraestruturas da Xunta asegurou que a depuradora "funciona agora con normalidade", aínda que chegou a estar momentaneamente fóra de servizo. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, expresou a súa "preocupación" polo ocorrido, pois causaron danos en instalacións de uso público e son accións "moi prexudiciais para o medio ambiente e para todos os veciños".

Cores Tourís mostrouse convencido de que se cortaron eses cables "para producir dalgunha maneira que houbese vertidos ao mar". Viaqua xa incrementou a seguridade en ambas as instalacións que, no momento da sabotaxe, carecían de sistema de vídeo vixilancia. Segundo a estimación realizada pola empresa, a bomba está valorada en aproximadamente 1.500 euros.

Policía Nacional. EUROPA PRESS - Arquivo
Policía Nacional. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta