Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/02/2019 | Actualizada ás 13:27
O cancro provoca cada ano a morte de máis de 8 millóns de persoas no mundo, o 90% por mor dunha metástase. Aí está o principal desafío da oncoloxía: descifrar o comportamento das células que expanden a enfermidade e lograr medicamentos que a cronifiquen. O grupo de investigación Oncomet e a farmacéutica Roche traballan desde Galicia na mellora do diagnóstico e o tratamento da man da medicina personalizada.
“A enfermidade localizada ou non diseminada hoxe en día pode ser controlada clinicamente na maior parte dos casos. O problema é cando hai metástase e os pacientes desenvolven resistencia aos tratamentos, que deixan de ser efectivos e a enfermidade progresa”, explica en Con G de Ganadores o doutor Rafael López, coordinador da Unidade Mixta de Investigación.
A inmensa maioría dos falecementos, o 90%, son consecuencia da metástase, segundo o doutor López, que considera fundamental a detección precoz tanto dos tumores primarios como da extensión da enfermidade a outros órganos. Para estas situacións tamén hai cada vez máis tratamentos e son máis eficaces.
“Nun futuro imos dispoñer de dúas formas de controlar a metástase, ben eliminando toda a enfermidade e, por tanto, curándoa, ou facéndoa crónica con tratamentos máis ou menos permanentes”, engade López.
Aínda que a UMI se estrutura en tres liñas de investigación, cada unha co seu propio equipo para ter perspectivas diferentes e complementarias sobre o problema da metástase, o traballo de todas apunta a unha mesma dirección: entender o comportamento e a relevancia das células tumorais circulantes e contar con ferramentas que faciliten o seu estudo.
Unha das principais innovacións da investigación conxunta de Oncomet e Roche é a biopsia líquida para extraer e analizar as células diseminadas e o material xenético tumoral que circula polo sangue. Non é unha técnica de diagnóstico. Son biomarcadores para facer máis efectivos tanto o seguimento como a evolución da enfermidade.
Con eles trátase de identificar que fai que un paciente responda ou non a unha terapia determinada. “Se conseguimos saber cal é esta diferenza, os oncólogos poderán tomar as decisións máis adecuadas aplicando a chamada oncoloxía de precisión, que permite personalizar os tratamentos para un enfermo en cada momento”, afirma Rafael López.
A segunda liña de traballo da UMI céntrase no uso da nanotecnoloxía e os nanomateriais para deseñar ferramentas de detección e control da enfermidade máis sensibles, rápidas e menos invasivas, así como medicamentos “á carta” para aumentar a súa eficacia e diminuír os efectos secundarios e toxicidade.
Para coñecer ben o inimigo, a terceira liña de investigación pon a lupa sobre unhas pequenas agrupacións de células tumorais circulantes moi raras e escasas, pero claves no proceso. A partir de modelos in vitro e in vivo a UMI reproduce fases relevantes da metástase para desentrañar, por exemplo, a capacidade de supervivencia e proliferación desas células e explicar o seu grande impacto no desenvolvemento da enfermidade.
“Nos tres anos que pasaron desde a posta en marcha da Unidade, desenvolvemos distintos proxectos que xa deron lugar a resultados con aplicación clínica e que son a base para a súa consolidación como unha estrutura potente de investigación oncolóxica”, valora López.
Esta é unha das 39 alianzas co formato de UMI apoiadas ata agora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar a colaboración estratéxica entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.