Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 15:21
O secretario xeral de Compromiso por Galicia (CxG), Juan Carlos Piñeiro, confirmou este xoves que houbo algunha "conversa con En Marea", despois de lanzar unha posibilidade diálogo con este partido e co BNG para buscar unha coalición para as eleccións xerais do 28 de abril. Con todo, fontes de En Marea negan que houbese "ningún contacto formal" con esa formación.
"A proposta está lanzada polas canles oficiais e agora estamos á espera dunha resposta, do BNG aínda non sabemos nada, pero esperamos que esta semana nos contesten, para poder ter esa primeira reunión o próximo 28 de febreiro", confiou.
En todo caso, Piñeiro quixo aclarar que "hai que profundar nos argumentos desta proposta, xa que quizais como partido político non se entenda ben a oferta". Pero, agregou, "hai que ser xenerosos, porque estamos nun panorama político distinto e cambiante".
"Aquí non hai maiorías e convén traballar por Galicia e ter unha voz en Madrid. Non se trata de ir contra ninguén, se non de pór a Galicia no debate do Estado", sentenciou.
Mentres en Ourense, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou, ao ser preguntada por esta cuestión, que a formación nacionalista aposta "porque Galicia recupere voz propia", xa que esta lexislatura "demostrou que, cando se aposta polas forzas políticas de ámbito estatal", os galegos "saen perdendo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.