Dez anos da caída do bipartito PSOE-BNG en Galicia

Dos seus 14 membros, só dous ocupan aínda cargos políticos públicos. Tres dos integrantes daquel goberno deixaron de militar nos seus partidos, entre eles o que foi o líder do BNG naquel goberno, Anxo Quintana, e dous acabaron en profesións distintas ás que tiñan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2019 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Case dez anos despois do 1 de marzo de 2009, cando o PPdeG capitaneado por Alberto Núñez Feijóo recuperou a maioría absoluta de deputados no Parlamento, poucos membros daquel goberno de PSOE e BNG continúan en primeira liña de acción. A saída de moitos foi graduada, xa que boa parte participara nas listas electorais, pero os camiños políticos da esquerda e outras situacións persoais fóronos relegando do panorama político activo.

Onde están agora os integrantes do Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño?. Pois dos 14 membros do Executivo, só dous aínda ocupan cargos políticos públicos: os socialistas Ricardo Varela (senador) e María José Caride (actualmente concelleira en Vigo).

Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito | Fonte: cecubo Group

TOURIÑO, PACHI VÁZQUEZ E MÉNDEZ ROMEU

Nin sequera todos os que conseguiron escano no Hórreo esgotaron aquela lexislatura. O primeiro en deixalo foi Touriño, relegado polo seu propio partido tras a perda do goberno. Figura que, actualmente, si se recuperou polo actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, co que mesmo participou en actos.

Goza da súa xubilación --foi profesor de Economía da USC-- e as súas aparicións políticas teñen moita carga simbólica, nun momento no que, ademais, empezáronse a escoitar reivindicacións do goberno bipartito nas intervencións socialistas do Parlamento. Touriño --que declinou o ofrecemento de Europa Press a facer unha valoración-- escribiu nas súas memorias políticas --'O futuro é posible. Retrato dun tempo de cambio' (Galaxia, 2012)-- que aquel goberno se perdeu debido a "un golpe de man" do aparello do seu propio partido que, que prefería "debilitarlo" antes que "gañar" os comicios galegos.

O seu sucesor no cargo socialista, Pachi Vázquez, asumiu o liderado do PSOE, do que se deu de baixa a finais de 2018 rodeado agora do ruxe ruxe sobre a creación dun novo partido. "Creo que foi un bo goberno, coas súas carencias, pero que marcou unha forma moi transversal de gobernar. En fin, unha sensación de recordo amable, agradable", manifestou a Europa Press nunhas declaracións nas que lamentou que "o PP decidise desmontar" o que "estaba ben feito".

O que foi conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, continuou aínda unha lexislatura máis, aínda que agora está retirado tras dar a batalla interna ante o actual portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, por ser o candidato ás autonómicas en 2016. Sitúase "afastado da vida política", porque "xa non é" o seu "momento", dedicado á actividade académica. "Foi un fito na construción da autonomía de Galicia", xulgou dez anos despois Méndez Romeu, quen, fuxindo da "nostalxia", reivindicou que "a historia irá pondo en valor esa experiencia".

GALLEGO, VARELA E CARIDE

Carmen Gallego, que era titular de Pesca e apoiou a Méndez Romeu naquel intento de ser candidato á Xunta, permaneceu no Hórreo ata 2016 e abriu recentemente un restaurante Vilaboa (Pontevedra). Mentres, Ricardo Varela, que foi o responsable de Traballo, accedeu en 2009 á Mesa do Parlamento e agora segue como senador en Cortes, a piques de disolverse. O seu futuro inmediato seguirá ligado á política, sexa ou non "na institucional".

"Se estarei ou non nun cargo, dependerá do partido", manifestou en declaracións a Europa Press, nas que subliñou que o bipartito "foi un goberno brutal de compromiso con Galicia, aínda que foi escasamente recoñecido. Pero resiste calquera análise e comparativa", afirmou facendo fincapé na súa área.

María José Caride, tras o seu paso pola Cámara galega, tamén segue na política activa como concelleira viguesa de Urbanismo, área da que foi responsable na Xunta (Política Territorial), desde onde precisamente lle deu luz verde ao plan de ordenación municipal de Vigo, anulado actualmente pola xustiza.

O VICEPRESIDENTE

Anxo Quintana deixou o Parlamento en setembro de 2011 e pasouse a "militante de base" do BNG para non interferir no debate interno, despois de dimitir como líder da formación ao perder o goberno. Acabou deixando en marzo de 2016 a formación que con el conseguiu a súa máxima representación institucional. Abandonou a súa praza no Sergas para crear unha empresa de internacionalización, que logo lle levou a formarse e converterse en empresario da hostalaría, cun restaurante e tendas gourmet.

"Se a criatura ten quen a defenda, pode ter a súa aceptación, se non, acabará desaparecendo. Vexo pouca xente disposta a reivindicalo, pero a realidade é que estamos a anos luz de todo o que se fixo; poderás estar a favor ou en contra, como en todas as cousas en política, pero o que ninguén pode negar é que había un goberno con proxecto de país. Agora non", analizou sobre aquel goberno.

Fernando Branco, exconselleiro de Industria, saíu de forma abrupta do Parlamento en novembro de 2011 por unha imputación que oito anos que despois quedou arquivada. Prexubilado de Telefónica, segue en actividades "moito máis relaxadas" e aínda que lamenta como se tivo que apartar da política, considera que agora "non" é o seu "momento" para volver. "Foi un goberno que fixo moitísimas cousas e puxo en marcha proxectos en beneficio dos galegos, a situación de Galicia empeorou claramente, non son saudades, fixo ben as cousas e aí quedará".

Teresa Táboas, exconselleira de Vivenda, seguiu no Parlamento ata febreiro de 2012, cando deixou o BNG polas súas discrepancias políticas. Retomou os seus proxectos como arquitecta dacabalo entre Galicia e México, onde naceu.

Cre que "as pelexas internas intestinas" de BNG e PSdeG tras perder o goberno levou a que o PP gobernase mentres "quedaba relegado pór en valor ao goberno bipartito". "Estou moi ben onde estou, non teño nin na cabeza nin está nas miñas prioridades", asegura sobre a súa ocupación actual e sobre un eventual regreso político.

Ánxela Bugallo pasou do seu cargo en Cultura a profesora da Universidade da Coruña afastada dos focos mediáticos desde entón, como tamén o quixo así o exconselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal, profesor de Matemáticas xubilado que, aínda que participou simbólicamente nalgunha lista electoral, as súas aparicións políticas son case 'privadas' desde que deixou o Parlamento.

TRES CONSELLEIROS SOCIALISTAS NON SEGUIRON EN POLÍTICA

Tras aquela noite electoral, non todos os conselleiros seguiron en política. Unha delas foi a catedrática de Xenética e directora dun grupo de investigación na Universidade de Santiago, Laura Sánchez Piñón, quen sente, "ás veces, nostalxia da política, sobre todo do equipo".

"A verdade é que eramos un equipo, en todos os sentidos, moi profesional e moi competente, con ideas innovadoras e con moitas ganas de que a educación fose un referente a nivel nacional", rememora a exconselleira de Educación, que cre que no panorama actual "os partidos deben ser conscientes de que é preciso negociar para alcanzar consensos".

María José Rubio, extitular de Sanidade, retomou o seu traballo como inspectora médica, da que asegura "gozar diariamente", tras unha "experiencia única da que aprendeu": "Moitas das súas políticas seguen actuais, como o mero exemplo do plan de mellora de Atención Primaria que se puxo en marcha entón e que volve estar de actualidade, con outro nome".

A peza económica do Goberno, José Ramón Fernández Antonio, marchou a Madrid, onde é socio fundador dunha consultoría e asesoría, especializada en operacións corporativas.

Fernando Blanco e Anxo Quintana durante a súa etapa no goberno do bipartito
Fernando Blanco e Anxo Quintana durante a súa etapa no goberno do bipartito | Fonte: xunta
Emilio Pérez Touriño e Gonzalo Caballero no a celebración do 25 de xullo. PSDEG
Emilio Pérez Touriño e Gonzalo Caballero no a celebración do 25 de xullo. PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Sentidiño

É moi inxenuo esperar lealdade entre os membros dun goberno de coalición, aquí, en Andalucía, en Madrid, no congreso dos deputados... case se pode dicir que sería antinatural, porque as alianzas son posíbeis segundo as circunstancias, e deben rachar cando esas circunstancias cambian. Con todo, visto coa distancia do tempo, parece que calquera tempo pasado foi mellor: comparemos as equipas "posto por posto", e a Xunta de hoxe é moito máis pobre. E o malo é que todo pode ir a pior!

2 nuncamais

De eses lodos, quince anos de maioría do PP. ¿Onde están as desculpas, BNG? Sodes casta españolista.

1 lóstrego

Cambias máis de nick que de calzóns e calcetíns. Xa fedes!

1 exbng

Xamais votarei o BNG mentres non entreguen o mafioso de Quintana a xustiza.