O Concello de Oleiros transmite o seu pesar polo falecemento da exalcaldesa Esther Pita

Foi concelleira municipal desde 1979 ata 2003, co goberno de Alternativa dos Veciños.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2019 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia



O Concello de Oleiros expresou o seu pesar polo falecemento de Esther Pita, alcaldesa da localidade entre os anos 1997 e 2003 e concelleira municipal desde 1979 ata 2003, co goberno de Alternativa dos Veciños.

Esther Pita era, actualmente, presidenta de honra de Alternativa dos Veciños e foi, segundo destaca o goberno local nun comunicado, "un exemplo de loita polo benestar da comunidade durante toda a súa vida, tanto desde a política como desde o movemento veciñal".

Xunto co actual alcalde, Anxo García Seoane, Esther Pita fundou Alternativa dos Veciños. "Sempre foi unha muller especialmente preocupada polas persoas maiores e desde a concellaría de Servizos Sociais desenvolveu un traballo moi importante, que aínda perdura e que é unha referencia máis aló de Oleiros", encomia o goberno local.

Ocupou a alcaldía entre os anos 1996 e 2003, cando Anxo García Seoane foi inhabilitado durante seis anos e un día pola retirada dun muro da praia de Santa Cristina.

Esther Pita tamén liderou o movemento veciñal en Santa Cruz, creando a Asociación de Veciños. "O seu compromiso co pobo sempre foi total e contribuíu dunha forma extraordinaria ao progreso do municipio en todos os ámbitos". O Concello dedicoulle unha praza no centro de Santa Cruz en 2011.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta