Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 27/02/2019 | Actualizada ás 19:17
Delegados da CIG secundaron unha concentración ante a Delegación do Goberno en Galicia, coincidindo coa entrega de pronunciamentos recolleitos entre comités de empresa, delegados e delegadas de persoal e seccións sindicais para reclamar a aplicación de coeficientes reductores na idade de xubilación no sector naval.
Esta iniciativa forma parte dunha campaña iniciada pola CIG, que se dirixiu en xullo ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social para instalo a que inicie os trámites legais para o establecemento destes coeficientes, en resposta a unha demanda do persoal do sector.
No marco desta protesta, o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, entregou, na Delegación do Goberno, os 30 pronunciamentos recolleitos entre comités, delegados de persoal e seccións sindicais, que representan a uns 3.500 traballadores do naval de Ferrolterra e a uns 2.000 na área de Vigo.
En declaracións aos xornalistas, Bouzas sinalou que descoñecen "en que fase está o procedemento administrativo". Por este motivo, a central sindical solicitou unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para abordar esta cuestión.
Por outra banda, reclamou uns coeficientes "que xa existen para o mar ou a minaría, dadas as condicións nas que se traballa nestes sectores". "E entendemos que, polas súas características, o naval tamén debe ter unha regulación semellante e favorecer o acceso á xubilación nunha idade e unhas condicións dignas", insistiu o dirixente sindical.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.