A Xunta di que o número de galegos en situación de carencia material severa caeu un 40% no último ano

A parlamentaria do BNG Montse Prado sinalou que a situación laboral das mulleres padece a "cronificación da precariadade e a desigualdade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou este mércores que o número de galegos en situación de carencia material severa descendeu un 40% no último ano ao pasar do 4,1% ao 2,4%. García destacou este dato en resposta a unha pregunta efectuada pola parlamentaria de En Marea Paula Vázquez Verao sobre o aumento de persoas usuarias dos comedores sociais ao longo de 2018.

A titular de Política Social destacou o "compromiso" do Goberno galego coa loita contra a pobreza, ámbito ao que destina un total de 119 millóns de euros este ano, "un 70% máis que en 2009". Así, defendeu que os indicadores, como o descenso do 10% de solicitudes da Risga ou o aumento nos ingresos medios dos fogares galegos do 2,6%, reflicten unha "mellora" da situación económica das persoas en risco de exclusión en Galicia. No entanto, subliñou que a Xunta "non baixa a garda" e "pon todo o seu empeño en mellorar a situación de cada un dos galegos e galegas".

SITUACIÓN LABORAL MULLERES

Por outra banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, tamén respondeu a unha pregunta da parlamentaria do BNG Montse Prado sobre a situación laboral das mulleres que, segundo a nacionalista, padecen a "cronificación da precariadade e a desigualdade laboral".

Conde cargou contra os argumentos da deputada do Bloque, formación á que acusou de estar instalada na "confrontación" e de "ocultar" que o "balance" do últimos dez anos presenta "melloras" nas condicións laborais das mulleres. Así, o titular de Emprego sostén que "a realidade é que hai máis mulleres afiliadas e menos desemprego feminino que nunca", cifras que foron rebatidas pola deputada do BNG, que asegura que existen "1.500 paradas máis" e que a brecha salarial aumentou "en máis de 1.000 euros". "Estamos fartas de discursos e faltas de recursos", espetou Montse Prado a Conde, que lamentou que o Bloque "permaneza ancorado no pasado" e expoña o debate sobre a igualdade de xénero en "unha cousa de bos e malos".

A conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA DE GALICIA
A conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta