Cs aplaude que o PP se sume a súa política lingüística e pide revisar a lei de normalización

Expón "formación" do funcionariado unha vez no posto e non ve "ningún risco" na sanidade por incomunicación médico-paciente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Ciudadanos Galicia aplaude que o PP de Pablo Casado "se sume" a unha proposta que reivindica como propia: a de eliminar o "requisito excluínte" do coñecemento das linguas cooficiais para acceder á función pública. "Alégranos que rectificase e se sume a unha proposta feita por nós", destacou, aínda vendo un "transfondo electoralista", o portavoz de Cs pola provincia de Pontevedra, Javier Alonso, nunha rolda de prensa en Santiago.

Este representante da formación laranxa expuxo, ademais, a preguntas dos xornalistas, a necesidade de "revisar" a lei de normalización lingüística de Galicia, de 1983 (e a partir da cal foi impulsado un plan xeral na época do popular Manuel Fraga coa unanimidade de todos os grupos parlamentarios). O seu partido, remarcou, está "sempre ao lado da liberdade, nunca da imposición".

Admitindo que descoñece "o alcance" que terá que ter esa "revisión", Alonso apuntou que o seu partido o está "estudando" e que entende que haberá que acometela, en consonancia co que agora propón a organización que dirixe Casado.

Por outra banda, preguntado polo "risco" de incomunicación cos seus pacientes que xeraría a posibilidade de que un médico accedese á súa praza sen coñecemento do galego, afirmou non ver "ningún". "Iso non é un risco", sentenciou, ao apelar á "formación" que Cs avoga por implantar para os funcionarios, iso si, "unha vez estean dentro" das administracións.

O "FRACASO" DE FEIJÓO

Javier Alonso dedicou boa parte da súa intervención a criticar ao presidente dos populares galegos e titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen atribuíu "ataques" a C's sobre "descoñecer a realidade social" de Galicia. "Debería asumir o fracaso do seu modelo e pedir desculpas a quen desprezou sistematicamente", advertiu, antes de incidir en que leva "anos gobernando" e esta medida "podíaa tomar antes".

Neste sentido, interrogado sobre se cre que a política de Feijóo é impositiva, denunciou a existencia de "moitos" documentos "exclusivamente en galego", así como "comunicacións" de servizos públicos "só en galego".

Tamén falou de dous "duros paus" para a política lingüística que ao seu xuízo se practica na comunidade, polo fallo do Tribunal Supremo relativo ao Concello de Lugo (cuxa alcaldesa é do PSOE) e "agora" coa asunción do seu propio partido (o de Feijóo) da necesidade de garantir o acceso á función pública a todos os cidadáns en todo o territorio".

C's segundo subliñou, considera que "o plurilingüismo debe ser unha vantaxe e non unha barreira". "Defendemos o uso das dúas linguas cooficiais", apuntou. "En ningún caso se trata de impor unha lingua senón garantir o dereito a usar a lingua da súa elección", agregou.

Por iso, na súa opinión, o coñecemento do galego "non debe ser un requisito excluínte pero si debe ser considerado un mérito". Cuestionado sobre como garantir a liberdade de uso do idioma propio de Galicia a un cidadán que se dirixe a un empregado público que non o coñece, apelou a esa "formación" posterior.

Agora mesmo, segundo asegurou, "esíxenche nivel de galego" e "se o tes, ben; se non, quedas fóra". Por último, resaltou que a política de Feijóo nesta materia vea "electoralista a conveniencia".

CIS

Por outra banda, preguntado polo Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de febreiro, limitouse a dicir que "son os datos do CIS". "Con esa contestación xa dixen todo".

O CIS volve situar na cabeza ao PSOE, que marca marca de intención directa de voto cun 33,3%, mentres que o PP recupera a segunda praza superando a Cidadáns, que figura a 16 puntos dos socialistas.

Cs aplaude que o PP 'se some' a eliminar a 'barreira' das linguas cooficiale. EUROPA PRESS - Arquivo
Cs aplaude que o PP 'se some' a eliminar a 'barreira' das linguas cooficiale. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 teutonio

Que pelazo!