A Deputación de Pontevedra aplaude unha petición para que a Xunta asuma a xestión do Museo Provincial

A Asociación de Amigas e Amigos do Museo presentou un recurso de reposición contra a convocatoria para o posto de dirección desta institución cultural

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aplaudiu unha petición para que a Xunta asuma a xestión do Museo Provincial. A proposta foi presentada este xoves pola Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, aos que Carmela Silva lles trasladou a súa satisfacción por que "coincidan coa Deputación de Pontevedra en que este Museo debería ser autonómico".

A presidenta provincial lembrou que é "unha reclamación histórica que sexa o Museo Nacional de Galicia", algo que considera "lóxico" xa que "recolle toda a historia galega". Esta transferencia está expresamente recollida no acordo de goberno subscrito polo Partido Socialista e o BNG. "Aplaudo que apoien as reivindicacións da Deputación de Pontevedra", dixo a presidenta. "A ver se eles teñen máis sorte que nós", desexoulle Carmela Silva a esta asociación.

Concretamente, referíase á reunión mantida co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que Carmela Silva e o vicepresidente da administración provincial, César Mosquera, ofreceron un acordo global co Goberno galego para ceder competencias que son propias do Executivo autonómico. É o caso do Museo, pero tamén do Principe Felipe, Areeiro, Mouriscade, A Lanzada, o Consorcio Provincial de Bombeiros. Así mesmo, aludiu á transferencia de Enfermaría á Universidade de Vigo. "Desa reunión marchamos sabendo que ía ser imposible facer esas transferencias porque a Xunta de Galicia non tiña ningún interese niso", explicou Silva.

DIRECCIÓN DO MUSEO

O presidente da asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, Ernesto Vázquez-Rey, anunciou que acaban de presentar un recurso de reposición contra a convocatoria para o posto de dirección desta institución cultural. Criticou a "irresponsabilidade" coa que, ao seu xuízo, o goberno provincial está a tratar o tema.

Reprocha a "falta de concreción e de transparencia" nas bases da convocatoria nas que se recollen "unha decena de funcións" que desenvolverá a persoa que asuma a Dirección. Nalgúns casos, son responsabilidades "impropias do cargo" e noutros son "demasiado abertas como para poder xulgar con obxectividade o desempeño do cargo directivo", de xeito que queda supeditado á "opinión particular" da persoa encargada do goberno en materia de cultura.

Desde esta asociación solicitan a suspensión cautelar da convocatoria ao entender que é "nula de pleno dereito".

Rolda de prensa de Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Rolda de prensa de Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta