Podemos Galicia quere pechar "canto antes" un acordo con Anova e Esquerda Unida

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino,"temos que seguir o camiño iniciado en 2015, que sempre foi referendado de forma positiva pola cidadanía".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2019 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, destacou que a súa formación traballa para pechar "canto antes" un acordo para as próximas eleccións xerais do 28 de abril con Anova e Esquerda Unida, formacións entre as que ve unha "total sintonía".

Gómez-Reino pronunciouse deste xeito nunha entrevista concedida á Radio Galega, na que sinalou que este tres organizacións, que concorreron en coalición nos comicios xerais de 2015 e 2016, traballan para volver construír unha "proposta de maiorías".

"Temos que seguir o camiño iniciado en 2015, que sempre foi referendado de forma positiva pola cidadanía", argumentou o secretario xeral de Podemos Galicia, que lembrou os resultados obtidos polo espazo do cambio noutras citas electorais como as municipais ou as autonómicas.

Na súa intervención, así mesmo, sinalou que, "cando se chegue a ese acordo entre as forzas", están "abertos" a sumar a outros actores. "Confío en que todo o mundo traballe con responsabilidade e sómese á proposta que en 2015 e 2016 tivo resultados históricos", respondeu ao ser preguntado pola posibilidade de que o 28 de abril as forzas que agora integran En Marea presenten dúas listas.

E é que, este venres transcendeu que un total de nove candidaturas, todas promovidas pola dirección de En Marea que encabeza Luís Villares, concorren ás primarias postas en marcha polo partido instrumental. Precisamente, sobre se hai contactos co actual portavoz de En Marea, Gómez-Reino asegurou que está a falar con todo o mundo, incluído Villares. Tras iso, volveu a apelar á "responsabilidade" nun momento "histórico" no que a cidadanía "non quere ver un bloque que é de dereita, de extrema dereita, gobernando no Estado español".

LISTAS PARA AS CORTES

Por outra banda, cuestionado polo posible encaixe nas listas de persoas como a deputada de En Marea no Congreso e membro de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, así como pola posibilidade de que concorra na lista de Unidas Podemos por Madrid, Gómez-Reino referiuse a ela como "un valor político como poucos hai no país".

Neste sentido, asegurou que é un "activo de primeiro nivel" tanto en Galicia como no Estado. "As decisións de Yolanda Díaz compétenlle a Yolanda Díaz e á súa organización, pero ninguén dubida do seu papel imprescindible", apuntou. Por último, sobre a decisión da deputada Alexandra Fernández de deixar a política institucional, o secretario xeral de Podemos mostrou o seu "máximo respecto" e desexoulle "toda a sorte do mundo".

Antón Gómez-Reino, líder de Podemos Galicia e deputado de En Marea. EN MAREA - Arquivo
Antón Gómez-Reino, líder de Podemos Galicia e deputado de En Marea. EN MAREA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 LOSKO JONES

hai, hai, hai, ke se kedaron sen kollón tal.

3 Gamela

O que non sabiamos en 2015 é que algúns ían bloquear as nosas contas e censurarían as nosas críticas a unha política estéril e baleira de contido https://flic.kr/p/2cQ4ewW O que non sabiamos en 2016 era que os que viñan para cambiar o mundo, remataron convertidos nos marqueses de Galapagar https://i.gal/gamela15 Quen queira votar bandullos cheos de falsidades xa sabe onde facelo !!!

2 dédalo

O mandadiño das cúpulas

1 lóstrego

O "encomendero" da colonia.

2 Kabuto

O "encomendero da colonia" era un tal Francisco Rodríguez ou Paco Zarzuelas, señoro da UPG/BNG que fixo o ridículo no Congreso español varias veces véndendose por 4 patacos. O pobo galego ten memoria ;)

1 Reboiras

Dende o 12 quedou claro que a alianza entre a esquerda independentista (Anova/FPG) e a esquerda federalista (Podemos/EU) é o camiño refrendado polo pobo galego (200 mil votos no 12, 410 mil votos no 15) para construír a Unidade Popular en Galiza. Os traidores (Chelo, Lidia, Alexandra, Villares) hai que deixalos atrás e seguir facendo o camiño correcto.

1 Sentidiño

Se ese é o teu apelido, en hora boa. Se non o é, quita as túas suxas mans do Reboiras. Apertas.