Anuncian a creación dun portal web para o Camiño de Santiago e a elaboración dun diagnóstico do seu trazado

Tamén se abordou a necesidade de crear unha gobernación única para todo o Camiño en cada administración, con peculiaridades en función de cada territorio.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/03/2019 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A II Mesa Técnica Interinstitucional do Camiño de Santiago (MTI) acordou crear un portal web oficial, a elaboración dun diagnóstico físico de todo o seu trazado e a posta en marcha dunha gobernación en cada comunidade pola que transcorre. Na reunión, que tivo lugar este venres na Deputación de Palencia, participaron 27 técnicos do Goberno de Aragón, Navarra, La Rioja, Castela e León e Galicia; as deputacións de Burgos, Palencia, León, Lugo e A Coruña, e os concellos de Pamplona, Logroño, Frómista, Sahagún e Ponferrada, así como un representante do Consello Xacobeo, nunha fin de semana no que ademais a Asociación de Municipios organizou un Encontro de Asociacións do Camiño.

Os asistentes á reunión tomaron como punto de partida o documento estratéxico elaborado o pasado setembro na primeira reunión co horizonte temporal de face á celebración do Ano Santo Compostelán 2021, segundo informaron fontes da organización. Neste sentido, a mesa acordou a creación dunha plataforma conxunta, avalada e mantida por todos os territorios e administracións polas que atravesa o Camiño de Santiago, que terá a intención de ser a primeira páxina de carácter oficial "de referencia" para todos os peregrinos.

Os técnicos tamén subliñaron a necesidade de elaborar un diagnóstico do estado físico de todo o trazado da Ruta Xacobea para analizar as súas carencias e actuar para cumprir uns parámetros de calidade, así como establecer uns protocolos de actuación que determinen que tipos de actuacións urbanísticas non se poden realizar no Camiño Francés, declarado Ben de Interese Cultural. Ademais, a Mesa Interinstitucional propuxo crear unha web única para o Camiño de Santiago de forma que exista unha canle para a realización de todo tipo de proxectos ou tramitacións.

Nesta vocación de unificar os asuntos relativos a este itinerario cultural, tamén se abordou a necesidade de crear unha gobernación única para todo o Camiño en cada administración, con peculiaridades en función de cada territorio pero que aglutine todas as competencias nun mesmo departamento. Doutra banda, na reunión solicitouse a elaboración dun documento con todos os proxectos que teña cada comunidade para póñanse en común desde unha visión global que permita elaborar un plan de actuación a longo prazo.

Así mesmo, fíxose fincapé en ser "moi coidadosos" coa información e trato que se lle dá ao peregrino e que esta sexa diferente ao do turista, polo que se impartirán cursos de formación a axentes do Camiño. Por último, este foro técnico puxo sobre a mesa a importancia de recuperar e transmitir información relacionada coa "pegada xacobea" como unha forma de interesar ao peregrino no territorio polo que pasa.

O Camiño de Santiago disporá dun portal web oficial e elaborarase un diagn. REMITIDA ASOCIACIÓN
O Camiño de Santiago disporá dun portal web oficial e elaborarase un diagn. REMITIDA ASOCIACIÓN | Fonte: Europa Press

MELLORAS NO CAMIÑO INGLÉS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés, ao seu paso polo Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, por case 1,5 millóns de euros. Os traballos, que serán desenvolvidos pola construtora Arias Infraestruturas S.A., está previsto que comecen no mes de abril, e teñen un prazo de execución de nove meses. Centraranse no tramo entre o polígono e o cemiterio de Boisaca.

Neste caso, segundo informou a Consellería, procederase ao acondicionamento do Camiño ao longo de todo o polígono "para dotalo dun ancho igual ou superior aos 3,5 metros, para gañar en integración, en visibilidade e tamén en comodidade". Ademais "delimitarase o ámbito da ruta xacobea da zona de naves industriais a través de cerramentos metálicos e vexetais, e adecuarase a parte traseira do cemiterio, convertendo a chaira nun espazo coidado, verde e humanizado".

O departamento autonómico detallou que é un dos dous proxectos nos que traballa a Consellería "para mellorar o Camiño Inglés na entrada de Santiago". As accións "están deseñadas para facer compatible a experiencia positiva do peregrino coa actividade empresarial do polígono" de modo que se favoreza "a mobilidade dos peregrinos e incrementar a súa seguridade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta