Rupturas matrimoniais en Galicia: 22,1 por cada 10.000 habitantes

Baixaron un 2,5% o pasado ano. En total, foron 251 parellas menos as que romperon en 2018 en comparación co 2017.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Durante o ano pasado presentáronse en Galicia 5.981 demandas de ruptura matrimonial --separacións e divorcios--, fronte ás 6.132 dun ano antes, o que supón un descenso do 2,5%. Así o reflicten os datos feitos públicos este luns pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), que indican que durante 2018 subiron na comunidade os divorcios consensuados, que pasaron de 3.300 en 2017 a 3.352 en 2018, un 1,6% máis. Pola súa banda, os divorcios non consensuados baixaron un 6,7%, de 2.585 a 2.411.

En canto ás separacións de mutuo acordo, pasaron de 166 en 2017 a 152 o ano pasado, unha caída do 8,4%, mentres que as separacións contenciosas diminuíron un 18,5%, pasando de 81 a 66. Ao longo de 2018 rexistráronse en Galicia tamén seis peticións de nulidade matrimonial, fronte ao tres do exercicio anterior.

Se se teñen en conta as cifras de poboación a 1 de xaneiro de 2018, Galicia sitúase en 22,1 peticións de ruptura matrimonial por cada 10.000 habitantes, por baixo da media estatal, que é de 23,9.

MODIFICACIÓN DE MEDIDAS

Por outra banda, o ano pasado iniciáronse 544 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, os mesmos que en 2017, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1.718, un 7% menos.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o pasado ano 858 demandas de modificación de medidas consensuadas (un 11% menos). As demandas non acordadas tamén diminuíron, neste caso un 3,5%, ata 1.274.

DATOS ESTATAIS

As rupturas matrimoniais diminuíron en Galicia un 2,5% o ano pasado. EP DATA
As rupturas matrimoniais diminuíron en Galicia un 2,5% o ano pasado. EP DATA | Fonte: Europa Press

A nivel nacional, os órganos xudiciais recibiron ao longo de 2018 un total de 111.704 demandas de disolución matrimonial, o que supón un 2,4 por cento menos que as presentadas en 2017.

En concreto, as 62.241 demandas de divorcio consensuado foron un 2,8 por cento menos que as de 2017; as 44.433 demandas de divorcio contencioso, un 1,3 por cen menos; as 3.395 de separación consensuada, un 7,9 por cento menos; e as 1.635 de separación contenciosa, un 7,2 por cento menos.

Así mesmo, presentáronse 134 demandas de nulidade, un 5,6 por cento menos que en 2017, segundo detalla o CGPJ. En relación ás demandas de disolución matrimonial do total do ano coa poboación a 1 de xaneiro de 2018, o maior número de demandas de disolución por cada 10.000 habitantes deuse na Comunitat Valenciana, 27,9; seguida de Canarias, 26,7; Illes Balears, 25,6; Andalucía, 25,2; Cataluña, 25; e Asturias, 24,1. Todas superan a media nacional de 23,9.

Pola contra, as máis baixas déronse en Castela e León, 18,6; País Vasco, 19,1; e Aragón, 20,6.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta