Desestiman a demanda contra o xornalista Valentín Carrera presentada pola cementeira Cosmos

A demanda fora presentada logo dun artigo de opinión titulado “La verdad sobre la incineradora de Cosmos” publicado en agosto do 2017.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Nun comunicado emitido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, CPXG, comunicouse a absolución do xornalista e colexiado Valentín Carrera, ante a demanda interposta hai algo máis dun ano por Cementos Cosmos S.A. Dita demanda acusaba a Carrera dunha suposta intromisión ilexítima no Dereito ao Honor da empresa.

Instalacións de Cementos Cosmos
Instalacións de Cementos Cosmos | Fonte: Salvemos Cabana.

A orixe da suposta intromisión estaba no artigo de opinión La Verdad sobre la Incineradora de Cosmos”, publicado en La Nueva Crónica en agosto de 2017. Nesa peza Valentín Carrera espoñía a súa oposición ao proceso de incineración por parte de Cementos Cosmos, no centro do Bierzo, de elementos residuais doutras industrias (plásticos, neumáticos entre outros). Desta maneira, a empresa Cementos Cosmos, propiedade do grupo brasileiro Votorantim, recorreu á vía xudicial por entender que se atentaba contra a súa honorabilidade.

Non obstante, o Xulgado de Primera Instancia número 6 de Vigo desestimou “integramente a demanda interposta por Cementos Cosmos S.A. contra Valentín Carrera González". Desta maneira absolve ao xornalista e condena costas á empresa denunciante o pagamento dos custes. A xuíza  sinala na sentenza que o texto está “claramente baseado en datos obxectivos e plenamente amparado pola liberdade de expresión”.

Desde o Colexio de Xornalistas avisárase que cando a cementeira interpuxera a demanda, que “a xudicalización dalgúns asuntos non pode ser a excusa para interferir con dereitos básicos para o exercicio do noso labor profesional”, como “a liberdade de información ou a liberdade de expresión”. O CPXG lembráralle a Cementos Cosmos que “o dereito de rectificación é a ferramenta xornalística para responder no mesmo medio e con igual extensión e relevancia gráfica ás supostas ofensas sen necesidade de acudir aos tribunais”.

A cementeira rexeitara “combater a opinión con opinión ou con datos” e acudiu a “uns tribunais que agora, afortunadamente, fallaron en favor da liberdade de expresión”. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia alégrase “desta feliz resolución e lamenta o tempo e esforzos gastados por Valentín Carrera e polos tribunais nun proceso innecesario” que ademais considera “como unha tentativa de coartar, a través da xudicalización e o medo, a nosa liberdade de prensa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta