Alarma ante as "habituais" pelexas nocturnas no centro ourensán

A Policía Nacional advertiu da frecuencia destas disputas entre grupos latinos na Praza de Mercedes. Este mesmo martes detiveron un mozo de 20 anos tras unha "forte liorta"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

A Policía Nacional advertiu de que os fins de semana "é habitual" que se produzan pelexas entre grupos latinos na Praza das Mercedes de Ourense e que estas provoquen "perigo e desagrado nos clientes asiduos a lugares de lecer da zona".

Apúntao nun comunicado no que se informa de que procederon á detención dun mozo de 20 anos, natural da República Dominicana, como presunto autor dun delito de lesións e un delito de resistencia e desobediencia á autoridade. O arrestado conta con dúas detencións anteriores e quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial.

A "forte liorta" ocorreu este martes sobre as 3,40 horas na Praza das Mercedes, onde varias persoas se estaban tirando botellas de vidro uns a outros. Os axentes da Unidade de Prevención e Reacción da Comisaría Provincial de Ourense foron requiridos nas inmediacións por un mozo coa cara e un brazo ensanguentados. Foi trasladado a Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) xa que presentaba feridas inciso-contusas que precisaron sutura.

Con todo, o ferido recoñeceu antes o autor das súas lesións, quen segundo a Policía mostrou "unha actitude airada negándose en todo momento a colaborar, presentando resistencia activa e enfrontándose de forma aberta contra os axentes actuantes". Por iso, procedeuse á súa detención debido a un delito de lesións e un delito de resistencia e desobediencia á autoridade.

Coche da Policía Nacional. ARQUIVO
Coche da Policía Nacional. ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta